O BNG escolleu nova dirección local no Porriño

O BNG escolleu nova dirección local no Porriño

reunion_consello_local

A asemblea local do BNG no Porriño elixiu por unanimidade a lista encabezada por Manuel Sánchez, e composta, ademais, por Obdulia Diniz, Míriam Martínez, Aurora Rivas, Marcelo Rodríguez, Perfecto González, Mónica Bugarín, Gustavo Domínguez, Ana Bastos, Pedro Pereira e Juan González.

Co propósito de fomentar unha maior participación na vida diaria da organización, as reunións dos consellos locais son agora abertas ao conxunto da militancia. Estamos a poñer en marcha unha nova forma de organizar o traballo político, máis horizontal, que axude a achegar novas persoas ao noso proxecto nacionalista e de esquerdas. Afrontamos esta nova etapa con ilusión e co punto de mira posto no 2015.

Vimos de arrancar co plano de traballo que dirixirá a nosa actividade política e institucional até as eleccións municipais que se van celebrar ese ano. O noso principal obxectivo non é outro que desaloxar á dereita máis clientelar e conservadora do goberno do Porriño, e nese obxectivo centraremos todos os nosos esforzos. Queremos animar aos porriñeses e porriñesas a formar parte da nosa alternativa ao goberno do PP, e coa intención de dar a coñecer as nosas propostas e recoller as demandas da sociedade, iniciaremos unha serie de contactos co tecido asociativo local.

No contexto actual, entendemos que O Porriño necesita máis que nunca dunha organización como o BNG, unha alternativa ás políticas neoliberais que encarnan tanto PP como PSOE, comprometida coa defensa da nosa identidade nacional e cultural, co medio ambiente, cos dereitos das mulleres, cos nosos sectores produtivos e coas clases populares, que ven como son recortados os seus dereitos amparándose nunha crise económica que foi xerada polo capitalismo máis especulativo.

O BNG escolleu nova dirección local no Porriño