O BNG denuncia a privatización do ciclo integral da auga
Desde o día 1 de xaneiro de 2014, a empresa Aqualia xestiona o servizo de abastecemento de auga potable, sumidoiros e depuración no Porriño. A privatización destes servizos supón a culminación dun longo proceso iniciado hai anos coa constitución por parte dos municipios do Porriño, Mos, Tui e Salceda de Caselas dun consorcio destinado a xestionar de forma mancomunada o ciclo integral da auga. A posta en funcionamento do Consorcio do Louro tiña como finalidade optimizar os recursos económicos e hidráulicos e conseguir unha maior eficiencia na prestación de servizos no ámbito territorial dos catro concellos. O BNG apoia mancomunar servizos para optimizar recursos, pero defendemos que se manteña a xestión pública dos mesmos e opoñémonos a unha privatización que nada vai facer por melloralos e que incrementa notablemente o seu custo. Sempre nos opuxemos a que se adxudicara a xestión do servizo da auga a unha empresa privada, sendo a única forza política que denunciou esta intención nas alegacións que presentamos aos estatutos que constituíron o propio Consorcio do Louro.
O Concello do Porriño, nunha deixación manifesta das súas responsabilidades, está a derivar ás consultas da veciñanza á oficina do consorcio, situada na rúa Ramón González. Unha soa persoa atende ao público nesta oficina, o que provoca esperas de varias horas e que se reciba moitas veces información incompleta pola incapacidade para resolver as numerosas dúbidas que os veciños e as veciñas plantexan. Coa aplicación das novas tarifas, os usuarios e as usuarias do servizo (non clientes como figura nos recibos emitidos pola empresa Aqualia), verán incrementado o importe a pagar nun 59 %, ao que se suman os gastos fixos derivados de ter que asumir os usuarios e usuarias a instalación do contador (66,75) e o precinto do mesmo (24,97). Para o caso das vivendas que non teñan contador despois do 30 de xuño, a ordenanza contempla aplicar un volume por vivenda de 100 m3, o que significa que un domicilio de tres persoas terá que pagar cada dous meses 282´20.
Existe un inmenso malestar entre a veciñanza do Porriño pola forma en que o concello xestionou este asunto. A cidadanía non ten información sobre a repercusión que supón nas economías domésticas o incremento das tarifas a aplicar e as obras complementarias que terán que realizar para adecuar as instalacións e colocar os contadores, afirmou o portavoz municipal do Bloque, Pedro Pereira.
O BNG defenderá no pleno unha proposta de modificación da ordenanza que axude a que a posta en marcha dos servizos consorciados sexa o menos lesiva posíbel para os veciños e veciñas do Porriño. Posteriormente celebraremos acto públicos abertos á cidadanía para informar da nosa postura contraria á privatización e animar a veciños e veciñas a defender na rúa o dereito a contarmos con servizos públicos de calidade.
O Consorcio de Augas do Louro ten que destinar máis persoal a oficina de información situada na rúa Ramón González do Porriño, ampliar o prazo de adaptación das vivendas e rebaixar o volume a cobrar a quen non instale os contadores. Entendemos abusivo os prezos marcados para adecuar as instalacións polo que solicitamos tamén que se elimine o apartado referente a cota fixa de precintos,verificación e inspección de contadores. Presentaremos a nosa proposta de modificación da ordenanza no pleno extraordinario que se vai celebrar este mes a instancias da nosa organización política, concluíu o portavoz nacionalista.