O BNG denuncia que Nelson Santos está a pagar a súa defensa con cargo a fondos públicos
Na revisión da conta xeral do ano 2013, pendente de aprobación no pleno, o BNG decectou que Nelson Santos está pagando a súa defensa con cartos públicos. Un decreto asinado polo alcalde o 13 de marzo do 2013, nomea ao despacho de avogados LEALTADIS de Vigo, para que o defenda nas causas 168/2013 e 36/2013 (Operación Multiusos), nas que está imputado. O alcalde asinou un decreto polo que o Concello do Porriño se fai cargo da defensa da súa imputación xudicial por tráfico de influencias, malversación de caudais públicos, fraude ilegal, delito contra o dereito dos traballadores e prevaricación administrativa.
Estes supostos delitos non son propios da xestión do cargo público que ocupa Nelson Santos, senón que son derivados do abuso do seu cargo como alcalde e dunha desviación de poder en converxencia con intereses particulares. O decreto asinado por Santos habilita a previsión de fondos para a defensa letrada do alcalde tanto na instrucción da fase de dilixencias previas, na apertura de xuízo oral, así como no caso de existir apelación. Non é de recibo que o concello se teña que facer cargo destes gastos. O alcalde só estaría lexitimado para solicitar o pago destes conceptos de existir unha sentenza absolutoria, pero nunca antes , afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira. Desde o BNG esiximos ao alcalde que anule o decreto e que devolva os cartos abonados até o momento polo concello para a súa defensa, proseguíu Pereira.
Pleno da corporación municipal e concentración contra a corrupción no Porriño
O BNG presentou unha moción para o seu debate na sesión plenaria prevista para o luns día 30 ás 18:30h, na que reiteramos a nosa solicitude de dimisión do alcalde Nelson Santos e dos dous concelleiros tamén imputados na denominada Operación Multiusos, Jose Manuel Jacobo e Manuel Alejandro Lorenzo. A moción presentada polo Bloque inclúe a esixencia de que os concelleiros e concelleiras do goberno do PP que non están imputados, se posicionen sobre esta insostible situación. De non o facer así, entendemos están amparando e sendo cómplices necesarios das mesmas prácticas corruptas. Os concellerios e concelleiras do PP que non están imputados teñen dúas opcións claras senón queren permanecer como cómplices destas actuacións, ou forzar internamente relevos dentro do seu grupo para que a lexislatura remate coa mínima normalidade, ou apartarse do goberno, sinalou o portavoz do BNG.
Coincidindo coa celebración do pleno, o BNG convocou unha concentración contra a corrupción ás 18h, aberta ao conxunto da sociedade porriñesa. Os veciños e veciñas teñen que esixir responsabilidade e transparencia na xestión pública. O Porriño non pode permitirse un goberno que se salta a legalidade para beneficiar a empresas dos seus achegados e vender favores políticos. O vecindario ten que expresar a súa repulsa ante esta situación, concluíu Pereira.