O BNG denuncia a difícil situación que vive Frigolouro
O BNG do Porriño quere manifestar a súa preocupación despois de que a dirección da compañía anunciara o desmantelamento da liña de sacrificio de gando bovino do seu matadoiro no Porriño, co conseguinte prexuízo para os carniceiros da nosa localidade, que deixarán de poder matar reses nas súas instalacións, e a posta en perigo de postos de traballo directos dependentes desta liña de produción. De confirmarse esta decisión, virase a agravar máis a crise industrial que asola o noso municipio, máxime nun sector punteiro da nosa economía produtiva como é o da industria cárnica
Desde o BNG emprazamos ao alcalde do Porriño a defender a pervivencia dunha empresa de vital importancia para O Porriño, símbolo do desenvolvemento industrial do noso municipio. O PP negouse no pleno a apoiar unha moción neste sentido presentada polo Bloque.
Nelson Santos ten que facer valer o convenio asinado no seu momento entre Concello do Porriño e Frigolouro, polo cal as carnicerías da localidade, a cambio da concesión de 2.100 m2 do terreo de titularidade pública onde se situaba o matadoiro municipal orixinal, teñen dereito a sacrificar reses nas instalacións da empresa, sinalou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
Entendemos que é factíbel, de existir vontade por parte da empresa, manter esta liña de produción e os postos de traballo que leva asociados. No caso de que a empresa incumpra este acordo, deberíase valorar rescatar a concesión outorgada a Frigolouro e recuperar a titularidade da parcela cedida.
A intención da dirección da empresa non parece ser outra que a de querer desmantelar e deslocalizar a produción de carne vacún que se realiza no Porriño, proseguindo co proceso iniciado de substitución do persoal fixo do plantel por traballadores autónomos con peores condicións laborais e menos dereitos. Esta decisión da dirección da compañía, en consonancia con unha política de precarización laboral que está a facer padecer ao persoal fixo de Frigolouro constantes recortes e atrasos na percepción dos seus salarios, resulta claramente inxustificada. A empresa obtén ano tras ano importantes beneficios e conta coa liquidez suficiente para garantir o seu futuro a medio e longo prazo.
Desde o BNG denunciamos tamén o deterioro das condición laborais que están o sufrir os traballadores e traballadoras de Frigolouro, polo que anunciamos a presentación dunha moción para buscar o acordo da corporación municipal en defensa da continuidade desta actividade industrial e en defensa do mantemento de postos de traballo de máis calidade no noso municipio, concluíu o portavoz nacionalista.