O BNG demanda un transporte metropolitano público e de calidade
O grupo municipal do Bloque no Porriño absterase no pleno extraordinario de mañá, onde se vai someter a aprobación o convenio do transporte metropolitano da área de Vigo. Este convenio non recolle aspectos fundamentais que o BNG ven defendendo desde hai anos. A nosa posición será non obstaculizar que se avance na constitución do transporte metropolitano, pero somos moi críticos con un convenio que non garante un verdadeiro servizo público de calidade, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira, que lamentou que o PP leve esta asunto aos plenos dos concellos onde goberna sen ter chegado a un acordo previo co Concello de Vigo, o que imposibilita a posibilidade de transbordo coas liñas urbanas.
O BNG denuncia tamén que non se contemple incrementar o número de frecuencias e liñas para dar servizo aos veciños e veciñas do Porriño, así como que non se impulse a chegada do transporte público aos polígonos industriais das Gándaras e da Granxa. Nelson Santos e o PP non defenderon os intereses dos veciños e veciñas do Porriño, sinalou Pereira. A Xunta impón aos concellos importantes aportacións económicas para financiar o servizo pero non se compromete a investir en infraestruturas. Máis alá de novos equipamentos en marquesiñas, non se establece unha estación intermodal, a creación de aparcamentos disuasorios, novos paneis informativos ou un carril bus, por poñer algúns exemplos que demandamos desde o Bloque. No convenio que se trae a pleno tampouco se recollen bonificacións concretas para colectivos específicos como persoas desempregadas, estudantes ou dependentes.
Para o BNG é fundamental dispor dun transporte metropolitano entendido como servizo público de carácter intermodal que inclúa o transporte colectivo por estrada e o transporte marítimo de ría, e onde tería que ter cabida un sistema ferroviario de proximidade. Existe unha gran demanda social neste sentido e a cidadanía está farta de que esta xusta aspiración sexa obxecto dun pulso político entre PP e PSOE, entre Xunta e Concello de Vigo.
PP e PSOE defenden intereses electoralistas e localistas. Non acreditan no modelo metropolitano e nada fixeron por atender esta demanda cando estiveron á fronte, indistintamente, da Dirección Xeral de Transporte da Xunta de Galicia ou do Concello de Vigo. Os poderes públicos estanse a pregar aos intereses dunhas empresas privadas que foron paulatinamente recortando liñas e horarios, nomeadamente nos lugares con menos poboación. Pedimos que se corrixa esta situación e que se fagan cumprir, como mínimo, os convenios asinados entre Xunta e empresas, así como que se recupere o servizo do Noitebus nos fines de semana.