O BNG critica o procedemento seguido polo alcalde para adxudicar a piscina
As persoas usuarias da piscina están pagando os seus abonos, o concello abona as mensualidades á empresa que presta o servizo pero isto non repercute no persoal da piscina, ao que se lle adebedan varias mensualidades. Un claro incumprimento do prego de condicións que debería levar a rescisión do contrato coa adxudicataria por parte do concello. O BNG sigue defendendo o rescate do servizo e a aplicación dun modelo de xestión directa.A Lei de Bases de Réxime Local contempla esta posibilidade e mesmo permitiría a creación dunha empresa pública para a prestación de servizos. Non o facer responde a unha decisión política, non técnica, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.
No seu momento opuxémonos a que o alcalde se atribuíra a contratación, adxudicación e formalización do contrato, unha competencia que corresponde ao Pleno. Nelson Santos anulou unha concesión inicial a dous anos mediante procedemento negociado con publicidade argumentando que un contrato corto impediría que se presentaran empresas a concurso. Descoñecemos que levou ao alcalde a anular unha concesión a dous anos co criterio de que non se presentarían empresas para finalmente aprobar de forma unilateral sacar a adxudicación do servizo a seis meses, sinalou Pedro Pereira. Desde o BNG sospeitamos que se optou por esta vía transitoria para adxudicar finalmente o servizo a 15 anos nun segundo proceso, intención que confirmou o alcalde no pleno.Existen dúbidas sobre as negociacións que se están a levar o cabo, mesmo cabe a posibilidade de que se manteña a plantilla os primeiros seis meses para despois recortar persoal e salarios, sinalou o portavoz nacionalista.
Nelson Santos non está a ser transparente co persoal da piscina, principal prexudicado por esta situación. Ningún documento a día de hoxe garante que se lles vaian satisfacer as débedas pendentes, asunto que non ven contemplado no novo prego, nin a súa continuidade en plantilla unha vez transcorridos os seis meses de adxudicación do servizo. Débenselle varios meses de salario, o mesmo pasa coas cotizacións da Seguridade Social, e tanto a empresa adxudicataria como o concello miran para outro lado. Non entendemos a tardanza do goberno para buscar solucións cando eran coñecedores da situación desde o mes de marzo. O asunto podería agravarse nos próximos días, coa entrada do Grupo Pazos en concurso de acredores. Estamos acostumados a irregularidades por parte desta alcaldía e a negociacións escuras que logo temos que pagar os veciños e veciñas do Porriño. Desde o BNG instamos ao alcalde a que realice unha xestión transparente e busque unha solución urxente para que estes traballadores e traballadoras cobren os seus salarios canto antes, concluíu o portavoz do BNG.