O BNG critica deficiencias producidas polo relevo en Intervención
O BNG denuncia a situación creada no Porriño unha vez trasladado o interventor titular en comisión de servizo á Deputación de Ourense pola situación xudicial que se vive no concello. Declaracións do propio interventor aos medios de comunicación confirmaron que as presións recibidas polo goberno local a raiz de desvelarse a imputación por suposta corrupción do alcalde, tenente alcalde e concelleiro de Emprego, crearon un clima de traballo insoportable que motivaron a súa solicitude de traslado.
Este relevo afrontouse coa incorporación do interventor de Sanxenxo, que compatibiliza agora o seu traballo nesta localidade co que realiza os luns e martes pola tarde no Porriño. Ao entender do BNG o cambio empeora a calidade do servizo ofrecido polo departamento e limita o control sobre a actividade económica do goberno. Parece que o clima creado entorno á corrupción fai que ningún funcionario estea disposto a vir ocupar a tempo completo a praza vacante no Porriño.
O persoal de Intervención ten que despachar agora co seu superior en horario de tarde, co conseguinte incremento de gasto en dietas para o concello, e a coordinación do traballo entre departamentos obriga a desprazar a Sanxenxo un funcionario do concello varios días á semana para achegarlle documentación ou recoller a súa sinatura, cos gastos de transporte e tempo que esta situación produce.
O BNG formalizou un escrito no concello preguntando pola cantidade económica que supoñen estes gastos a maiores e esixindo que se reconduza o que consideramos unha situación excepcional. Unha situación creada polas irregularidades na xestión cometidas por este goberno que estamos a pagar todos os veciños e veciñas, cualificou Pedro Pereira, que manifestou a necesidade de que un concello co volume económico do Porriño volva contar cantro antes con un/unha interventor/a con dedicación a tempo completo.