O BNG considera excesivo o gasto das Festas do Cristo
O BNG do Porriño observa gasto elevado, falta de planificación e improvisación na organización do programa das Festas do Cristo 2015. A programación das festas anunciouse tarde e mal. A veciñanza foi coñecedora da programación cando as festas xa estaban en marcha, comentou o portavoz do BNG. O goberno quer aparentar unha austeridade que non se corresponde coa realidade. O gasto das festas é moi elevado, afirmou Pedro Pereira, que puxo como exemplo a contratación, para actuar un día de semana, dunha orquestra de elevado caché como é a Panorama. A presenza desta orquestra na nosa localidade vai tamén ligada á contratación para as festas de sete orquestras máis da empresa Espectáculos Lito, axencia que xestiona os concertos da Panaroma. Unha forma de operar na contratación de espectáculos que desde o BNG non compartimos, declarou o nacionalista.
O portavoz do Bloque bota en falla contidos culturais, así como máis actuacións dirixidas á mocidade e aos nenos e nenas. Descuídase a animación de rúa dirixida as e os máis pequen@s, a cultura fica excluída da programación e aos mozos e mozas non se lle ofrece unha alternativa de lecer para estes días de festa, indicou Pereira. A programación inclúe numerosas actividades que non son organizadas polo concello. Contar con máis días de calendario festivo non é garante de ter mellores festas nin de que estas sexan máis plurais, engadiu.
Por último, desde o BNG queremos denunciar o que entendemos como inadecuada actitude do Alcalde. Nelson Santos aproveitou o folleto que se reparte a veciños e veciñas coa programación das festas para dirixirse a aqueles que o apoian na súa xestión ao fronte do goberno. Desde o BNG entendemos que as festas son motivo de ledicia para o conxunto de veciños e veciñas do Porriño, independentemente da opción ou preferencia política de cada quen. Non nos parece de recibo que o alcalde empregue o saúda das festas para facer política partidista, concluíu Pedro Pereira.