O BNG quere facer do Porriño un lugar máis atractivo para vivir e traballar
Gañar espazos para a xente incrementando zonas verdes, mellorar a mobilidade, blindar as políticas sociais e contar cunha programación cultural estable, os eixos do programa de goberno do Bloque para O Porriño
Hai que protexer o Louro e os seus ecosistemas, convertelos nos novos elementos vertebradores do Porriño. O goberno do BNG iniciará os trámites para os declarar Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Queremos crear unha zona de lecer con piscinas públicas próximas a esta zona de protección, e traballaremos desde o goberno no traslado do matadoiro para recuperar de forma integral este espazo natural. Defenderemos como goberno os intereses do Porriño, sen ataduras, reclamando en Madrid un soterramento da vía do tren que permita comunicar o casco urbano co río e con Torneiros.
Merecemos un urbanismo que achegue benestar á veciñanza, que deixe atrás un modelo pensado para o transporte a motor e priorice espazos públicos para as persoas, tamén nas parroquias e nos barrios. Incrementar a presenza vexetal en rúas e prazas para aumentar o confort térmico e combater os efectos do cambio climático. Imos dar preferencia aos peóns nas rúas Pío XII e Manuel Rodríguez para conectar as dúas zonas peonís hoxe existentes e humanizar tamén a zona das Torres, a parte máis nova do Porriño. Queremos soterrar o tráfico rodado na rúa Domingo Bueno para recuperar espazo en superficie e converter o Campo da Feira na gran Alameda do Porriño.
Precisamos favorecer os desprazamentos cotiás das veciñas e veciños. Mellorar a seguridade viaria ancheando beirarrúas, plantando arboredo e creando un carril bici nas saídas desde o casco urbano cara a Atios e Cans. Crearemos unha rede de camiños seguros nas parroquias para as persoas que saen a pasear e queremos poñer en marcha unha liña circular de autobús que as comunique co centro. Abriremos unha senda polo río Couso (Fonteliño) e daremos continuidade ao Paseo do Louro até as Gándaras de Budiño. Sinalizaremos tamén un itinerario a pé para subir desde o centro até A Risca.
Apostamos pola participación social e aprobaremos un novo regulamento de participación cidadá para traballar da man da veciñanza e do movemento asociativo local na elaboración duns orzamentos participativos. Eliminaremos o gasto superfluo do actual goberno, hai que deixar de malgastar recursos e incrementar a partida de emerxencia social. Deseñar un Plan Integral de Inclusión e fomentar un modelo de coidados que garanta unha vida digna. Un goberno liderado polo BNG será un goberno activo e comprometido co feminismo e coa igualdade real, con poñer fin á discriminación por cuestión de xénero ou identidade sexual. Crearemos un plan de emprego feminino para loitar contra o maior desemprego entre as mulleres, impulsaremos un urbanismo con perspectiva de xénero que elimine espazos inseguros, e fomentaremos desde o Concello o respecto á diversidade visualizando o colectivo LGTBQIA+.
Temos que pór en valor a nosa historia e o noso patrimonio. Reivindicar a nosa memoria democrática e republicana. Superar o modelo de lecer baseado unicamente na cultura da festa na que nos ten instalado o PP e contar cunha programación cultural estable e de calidade. Crearemos un Consello da Cultura onde debater e acordar coas asociacións e o tecido cultural. O Porriño merece un novo auditorio que nos permita programar todo tipo de formatos. Imos crear unha Escola de Artes e Oficios para dar cabida as distintas expresións artísticas e recuperar oficios tradicionais. Queremos recuperar tamén as actividades de pequeno formato e de novo achegar a actividade cultural ás parroquias.
O Porriño merece máis! Queremos poñer de novo o Concello ao servizo da xente. Temos proxecto, equipo e contamos con Pedro Pereira, que ten demostrado con feitos ser o mellor candidato para liderar O Porriño. Temos demostrado coherencia, rigor e capacidade de goberno. Se somos nós quen lideramos un goberno alternativo ao PP a partir do 28 de maio, sempre vai ser máis transformador. Con toda a humildade, mais tamén coa confianza de sabermos que os grandes avances no Porriño sempre foron da man do BNG.