Moción do BNG sobre o protocolo de adaptación ao contexto da Covid19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21

117912632_3379266342113217_6280441897351246779_o
Imaxe de Pablo Rodríguez Vila (Facebook)
Moción do BNG sobre o protocolo de adaptación ao contexto da Covid19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21

O grupo municipal do BLOQUE NACIONALISTA GALEGO, propónlle ao Pleno da Corporación Municipal do Porriño a aprobación da seguinte moción SOBRE O PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID19 NOS CENTROS DE ENSINO PARA O CURSO ESCOLAR 2020-21

De maneira clara e unánime as organizacións sindicais do ensino e as ANPAs así como moitos concellos amosaron o seu rexeitamento ao Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21. A proposta foi elaborada e aprobada unilateralmente pola Consellaría de Educación que se negou a negociar as medidas nel previstas así como os recursos necesarios para a súa implantación.

Cunha breve análise do texto podemos observar que a Xunta de Galiza elaborou o protocolo primando os criterios económicos por riba da calidade educativa e as garantías sanitarias, impoñéndolle a responsabilidade da súa planificación e execución ao persoal directivo e ao profesorado, ás nais e aos pais, así como aos Concellos que se deberán facer cargo da prestación e sobrecuste de certos servizos, sen que a administración competente en materia sanitaria e educativa, a Xunta de Galiza, asuma ningunha delas.

Así, atopámonos cun documento no que non se respectan os criterios estabelecidos por norma para o resto da poboación, como poden ser as regras de distanciamento persoal ou de aforamentos. Non se contempla por parte da Consellaría ningún tipo de complemento económico nin a contratación de persoal a maiores, nin non docente nin de persoal docente, imprescindíbel para reducir o número de alumnado por aula. Non se recollen medidas específicas de ningún tipo para o alumnado de necesidades educativas especiais, o máis afectado durante o confinamento, nin medios de transporte nin recursos de reforzo a maiores. Tampouco se adopta ningunha medida que solucione os graves problemas que se manifestaron durante o confinamento á hora de impartir aulas de maneira telemática, como a fenda dixital no rural, a formación do profesorado e alumnado nin a achega de materiais físicos e educativos para ter garantida a educación universal para os nenos e nenas.

A maiores, e desde o punto de vista municipal debemos ter en conta varios aspectos:

Tal e como vén recollido na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de Racionalización e sustentabilidade da Administración Local, os Concellos non teñen competencias en Educación nin en Sanidade, xa que estas son exclusivas da Xunta de Galiza. Malia isto, na disposición adicional 4ª da lei 5/2014, do 27 de maio, de Medidas urxentes derivadas da entrada en vigor da Lei 27/2013, estabelécese que as competencias en materia de educación, saúde e servizos sociais que ten que asumir a Xunta de Galiza en aplicación da Lei 27/2013 seguirán sendo prestadas temporalmente polos Concellos mentres non se estabeleza o marco normativo para a súa transferencia á Xunta. En materia de Educación as prestacións que á entrada en vigor da Lei prestan os Concellos limítanse ao mantemento e limpeza ordinaria dos centros educativos de Primaria.

Á altura na que estamos, agosto de 2020, por parte da Xunta aínda non se iniciou a elaboración da necesaria regulación para dar cumprimento á lexislación, o que amosa unha clara intención de que sexan os Concellos os que sigan a exercer esta competencia que non lle é propia.

No punto 4 do Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 estabelécense as medidas xerais de limpeza nos centros de ensino non universitarios. Estas medidas de limpeza extraordinaria esixirán realizar uns traballos nos centros educativos durante o desenvolvemento da xornada educativa que van moito máis alá dos que nestes momentos se realizan por parte dos Concellos. Será, polo tanto, a Xunta de Galiza, a administración con competencias en materia de educación e sanidade en Galiza, a que ten que asumir e financiar estes traballos e medidas de limpeza ás que fai referencia o Protocolo, non podendo ser os Concellos os que asuman nin a súa execución nin o seu financiamento.

No Consello de Ministros de 16 de xuño de 2020 aprobouse o decreto polo que se transferirán ás comunidades autónomas 2.000 millóns de euros dos fondos COVID-19 para adaptar e cubrir as necesidades da Educación como consecuencia da pandemia. Parte destes fondos, loxicamente, correspóndelles á Xunta de Galiza para financiar o incremento de custes derivados das medidas de adaptación ao contexto da COVID-19.

Neste mesmo Protocolo regúlanse as condicións nas que se deben prestar as actividades extraescolares, o Plan Madruga e os comedores escolares. Asociacións de nais e pais de alumnado manifestaron a súa disposición a seguir prestando estes servizos, imprescindíbeis para facilitar a conciliación familiar e laboral, sempre e cando por parte da Xunta se garanta a súa universalidade e o financiamento do sobrecuste. Así mesmo, a Xunta de Galiza, como administración competente en materia de educación e sanidade, debe ser a que asuma a responsabilidade destas actividades, e non as delegue nas FANPAs.

A educación e a sanidade son aspectos fundamentais para o funcionamento da sociedade. A Xunta de Galiza, ante unha crise sen precedentes como a da COVID-19, non pode obviar á totalidade da comunidade educativa e aos Concellos, facendo recaer sobre eles a responsabilidade e o financiamento do subrecuste no sistema educativo. As declaracións do Presidente da Xunta en funcións sobre as obrigas que teñen que asumir os Concellos en materia de financiamento e sobre as FANPAs (ás que denominou operadores educativos) que manifestan a súa imposibilidade de garantir os servizos que prestan, son impropias de quen ten a responsabilidade do Goberno galego.

Por estes motivos, o BNG propón ao Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

  1. Amosar o rexeitamento ao Protocolo COVID19 para o ensino, aprobado pola Xunta de Galiza, así como apoiar as demandas da comunidade educativa nesta materia.
  2. Esixir á Xunta de Galiza a elaboración e financiamento do Plan extraordinario de limpeza e mantemento dos colexios deste concello, derivado da COVID-19, asumindo a totalidade do sobrecuste.
  3. Apoiar as reivindicacións das asociacións de nais e pais do alumnado abrindo con urxencia por parte da Xunta de Galiza un diálogo para resolver os problemas que impedirían o desenvolvemento do Plan Madruga, dos comedores e das actividades extraescolares no curso 2020-2021.
  4. Emprazar á Xunta de Galiza a abrir un proceso de diálogo urxente coa comunidade educativa e a FEGAMP co obxectivo de resolver os problemas derivados do Protocolo, elaborado de forma unilateral pola Xunta, para garantir o correcto inicio e funcionamento do curso escolar 2020-2021.
  5. Dar traslado do presente acordo á Xunta de Galiza, á FEGAMP e ANPA ou ANPAs que teñan implantación na localidade.

 

 

12 de agosto de 2020

Moción do BNG sobre o protocolo de adaptación ao contexto da Covid19 nos centros de ensino para o curso escolar 2020-21