Os sindicatos comparten a proposta do BNG do Porriño de crear unha Mesa Municipal polo Emprego

Os sindicatos comparten a proposta do BNG do Porriño de crear unha Mesa Municipal polo Emprego

reunión sindicatos BNG

O BNG-Asambleas Abertas creará unha Mesa Municipal polo Emprego, que abra un espazo de diálogo e traballo entre os diferentes actores implicados na economía do concello. Así o transmitiu o candidato á Alcaldía do Porriño, Pedro Pereira, durante unha reunión este martes con representantes dos sindicatos CIG, UGT e CC.OO, dentro do programa de encontros sectoriais que vén facendo a candidatura nacionalista.

O programa nacionalista ten como eixos centrais a recuperación dos servizos públicos privatizados, coa creación dunha Empresa Pública de Servizos, así como a volta da igualdade de oportunidades nos procesos de selección. A candidatura do Bloque apuntou como prioritario a elaboración de plans específicos de emprego para as mulleres e a xente nova, os dous colectivos máis castigados polo drama do paro.

Pedro Pereira transmitiu as representantes de CIG, UGT e CC.OO. as liñas do programa nacionalista para reactivar o emprego no concello e mellorar as condicións dos traballadores e das traballadoras públicas

Pedro Pereira recordou que os datos de desemprego creceron durante o mandato do Nelson Santos no Porriño, malia a continua propaganda de recuperación do PP. En 2010, había 2.109 persoas paradas no concello, hoxe son 2.322, segundo as últimas cifras publicadas. Case a metade leva no paro máis dun ano.

Propostas e preocupacións que foron compartidas polas voceiras e voceiros sindicais Tano Guerra, de CIG, María Dolores Somoza, de UGT, e Alejo González, de CC.OO, presentes na reunión que tivo lugar na sede do partido no Porriño.

Os sindicatos manifestaron a súa inquietude perante a política de contratacións do Concello e as prácticas clientelares para acceder ao persoal público. Criticaron que un centenar de postos fixos están a ser cubertos polo goberno municipal con precarios contratos de colaboración social. Tamén sinalaron as condicións laborais do plan de emprego da Deputación, lanzado pouco antes das eleccións municipais, con contratos que non superan as 25 horas semanais.

O candidato do BNG á Alcaldía coincidiu na necesidade de reforzar as condicións de traballo e salariais do persoal público. A introdución de cláusulas sociais na contratación e a progresiva municipalización dos servizos co obxectivo de devolver a igualdade e o emprego digno e estable ao Concello.