O PP impide solicitar melloras en urxencias e négase a esixir a ampliación do Centro de Saúde

O PP impide solicitar melloras en urxencias e négase a esixir a ampliación do Centro de Saúde

Pedro Pereira e Aurora Rivas, dous dos concelleiros do BNG no Concello do Porriño

A concelleira de Sanidade, María José Martínez, e o alcalde, Nelson Santos, xustificaron a negativa do PP defendendo que non existen recortes na sanidade pública e que non reciben queixas sobre o centro médico do Porriño. Santos recoñeceu no pleno que a ampliación do Centro de Saúde do Porriño non é, neste momento, unha prioridade para a Xunta.  “Unha actitude hipócrita e submisa para non se ter que enfrontar cos responsables do PP en Santiago que desde o Bloque consideramos impropia de quen ten que representar os intereses dos porriñeses e porriñesas”, afirmou a concelleira do BNG, Aurora Rivas.

No mes de abril do ano 2010, dous meses despois da moción de censura contra o BNG, o propio Nelson Santos formalizou a cesión dunha parcela municipal para a ampliación do Centro de Saúde do Porriño, anunciando, que en dous ou tres meses, comezaría a execución do proxecto de ampliación. O alcalde cualificaba a obra como estratéxica e importante para o concello, ademais de ser moi demandada polos veciños e veciñas. Coa ampliación prevista dotaríase ao centro do Porriño de consultas destinadas ao servizo de psiquiatría, pediatría, fisioterapia e rehabilitación, radioloxía e dunha nova redistribución do departamento de urxencias con maior dotación de persoal e dependencias. Parecía resolverse un longo proceso iniciado polo goberno anterior e atendíase a unha importante demanda veciñal.

Hoxe, febreiro de 2015, cinco anos despois da formalización da cesión dos terreos, O Porriño sigue esperando a execución da ampliación do Centro de Saúde e a instalación de novas especialidades no noso municipio, necesaria para que as persoas usuarias do centro sanitario do Porriño non se teñan que desprazar a Vigo para realizar moitas consultas médicas, segue sen resolverse.

Servizo de Urxencias

A moción defendida polo BNG, ademais de esixir da Consellería de Sanidade a inmediata execución do proxecto de ampliación do Centro de Saúde do Porriño, instaba a solicitar do SERGAS maior dotación de persoal sanitario no servizo de urxencias co obxecto de garantir como mínimo dous profesionais médicos, dous/as enfermeiros/as e un/unha pediatra por quenda de servizo.

O Centro de Saúde  do Porriño asume a atención dos veciños e veciñas dos municipios de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas que necesiten ir a urxencias. Este servizo está colapsado a maioría dos días por non ter asignado persoal sanitario suficiente xa que só conta con un médico/a/  e enfermeiro/a por quenda. “Parécenos lamentable que o alcalde e a concelleira de Sanidade neguen unha realidade que afecta a tantas familias” , declarou a concelleira do Bloque.

O Pleno da Corporación Municipal si aprobou unha moción presentada polo BNG reclamando da Xunta que facilite o acceso a novos fármacos, máis efectivos, ás persoas doentes de Hepatite C.