O BNG presenta a súa candidatura no Porriño para devolverlle o concello á cidadanía

O BNG presenta a súa candidatura no Porriño para devolverlle o concello á cidadanía

DSC03056

O BNG-Asambleas Abertas presentou este sábado a súa candidatura para O Porriño, onde aspira a “liderar a transformación” que precisa o municipio. Unha candidatura que aposta por devolver o concello á cidadanía logo de ser “secuestrado polo clientelismo e os intereses persoais” do goberno actual.

O portavoz municipal, Pedro Pereira, encabeza unha lista formada por once mulleres e nove homes, que combina experiencia e renovación. Destaca a presenza de numerosas caras mozas e independentes, de xente procedente do tecido asociativo local, froito do proceso de asembleas abertas que impulsou o BNG para as eleccións municipais do 24 de maio.

Pedro Pereira lidera unha lista que combina experiencia e caras novas

A presentación da candidatura tivo lugar no edificio dos antigos Xulgados e contou co apoio dun centenar de veciños e veciñas. “Temos un proxecto ilusionante para O Porriño e a experiencia necesaria para levala a cabo. Somos a garantía dunha xestión limpa e honesta, que poña os intereses da veciñanza por riba de calquera outra cuestión”, asegurou Pedro Pereira.

Un programa pola igualdade de oportunidades

O programa de goberno do BNG-Asambleas Abertas ten como prioridade “construír O Porriño desde abaixo, en beneficio das maiorías sociais” fronte ás políticas do PP que “mesturan o interese privado co servizo público”.

Somos a garantía dunha xestión limpa e honesta, que pon os intereses dos e das porriñeses por riba de intereses persoais e partidistas

A candidatura nacionalista aposta por políticas de emprego de calidade, que garantan a igualdade de oportunidades, e por remunicipalizar os servizos privatizados, como mellor antídoto contra a corrupción. Neste sentido, o BNG quere facer da transparencia e a participación cidadá, que definiron a súa xestión no pasado, o eixo central dun programa para seguir transformando O Porriño nunha vila por e para as persoas.