O BNG esixe rematar co despilfarro ocasionado polo recambio en Intervención

O BNG esixe rematar co despilfarro ocasionado polo recambio en Intervención

Casa do Concello

A situación xudicial na que están inmersos o alcalde Nelson Santos e os concelleiros Jose Manuel Jacobo e Manuel Alejandro Lorenzo, imputados por suposta corrupción, está a ter consecuencias directas no funcionamento normal do Concello do Porriño. O funcionario titular do servizo de Intervención solicitou, despois de ter revelado irregularidades como testigo da Operación Multiusos, ser trasladado temporalmente para a Deputación de Ourense en comisión de servizo, debido ás continuas presións e inxerencias do alcalde no seu traballo. Esta vacante foi resolta até o 31 de decembro, segundo consta en decreto asinado polo propio Santos, cunha acumulación de servizos do interventor do Concello de Sanxenxo, que compatibiliza agora o seu traballo nas dúas localidades.

Presións e inxerencias no seu traballo motivaron a marcha do interventor titular

O interventor provisional desempeña o seu labor no Porriño dous días a semana en horario de tarde, provocando que o persoal dos departamentos de Intervención e Tesourería teñan que traballar fora do seu horario laboral para poder despachar con el. Esta situación excepcional está a ocasionar un aumento considerable en custes de dietas e desprazamentos, así como un deterioro na eficiencia do servizo. O BNG ten coñecemento de que ante asuntos de urxencia, habituais nun concello co volume de xestión do Porriño, o alcalde mesmo recorre a enviar unha persoa varios días á semana a Sanxenxo para asinar distinta documentación, o que nos parece un auténtico despilfarro de diñeiro público.

Nelson Santos é responsable do despilfarro de diñeiro público creado con esta situación

A responsabilidade de que o Concello do Porriño teña que estar soportando un incremento do gasto por esta situación de interinidade do departamento de Intervención é do goberno do PP e nomeadamente do sr. Alcalde. Desde o BNG consideramos que o Concello do Porriño non pode ter un servizo de Intervención nestas circunstancias máis tempo, polo que solicitamos no Pleno Extraordinario da Corporación que vimos de convocar, a adopción dos seguintes acordos:

Primeiro-. Solicitar da Alcaldía que non proceda á renovación, a partires do 1 de xaneiro de 2015, da acumulación de servizos en intervención nas circunstancias actuais.

Segundo-. Solicitar da Dirección Xeral de Administración Pública a designación dun/dunha interventor/a para o Concello do Porriño de forma interina, en horario de mañá e dedicación exclusiva, até que o titular do departamento non se reincorpore á súa praza no Concello do Porriño.

Terceiro-. De ser imprescindible a prórroga en acumulación de servizos, garantir que a súa prestación se faga en horario de mañá no Concello do Porriño.