O BNG demanda máis compromiso co emprego e menos propaganda

O BNG demanda máis compromiso co emprego e menos propaganda

Nelson Santos entrando a declarar nos xulgados por suposta prevaricación e trato de favor a empresas amigas

É habitual escoitar declaracións públicas do alcalde Nelson Santos ou do concelleiro de Emprego, Manuel Alejandro Alonso, atribuíndose éxitos na materia cando a situación real do desemprego no Porriño recomendaría máis prudencia pola súa parte e as políticas de emprego do goberno local están a ser investigadas na denominada Operación Multiusos. Desde o Bloque esiximos compromisos reais na loita contra o desemprego, e instamos ao goberno a presentar canto antes os orzamentos municipais para o ano 2015, nos que reclamamos que se incorporen incrementos nas partidas destinadas a cursos de formación e fomento do emprego.

A situación real do emprego no Porriño

Unha vez superado o periodo estival, tradicionalmente con máis ocupación de tipo temporal asociada ao sector servizos, as cifras de desemprego repuntaron en Outubro no Porriño, con 102 persoas desempregadas máis rexistradas a respecto das cifras do mes de setembro. Os datos de novembro reflexan unha pequena baixada, 22 persoas desempregadas menos, situando a cifra actual de desemprego rexistrado no Porriño en 2.395 persoas, 321 máis que cando Nelson Santos e o PP entraron a gobernar en febreiro do 2010. A esta cifra habería que sumar as persoas desocupadas que renuncian a se anotar por consideralo inoperativo despois de largas temporadas sen recibir ofertas do Servizo Galego de Emprego ou os muitos mozos e mozas do Porriño que decidiron procurar un futuro fora fartos desta situación económica e laboral. As cifras oficiais falan por si soas e desmenten a constante propaganda do goberno local e dos gobernos do PP en Galiza e no Estado, empeñados en instalarnos nunha saída da crise cando os datos do desemprego, os constantes expedientes de regulación de emprego iniciados en empresas da nosa contorna ou a precaridade producida coa reforma laboral indican o contrario.

A Operación Multiusos

A política de emprego do PP é unha das principais liñas de investigación da denominada Operación Multiusos, na que están imputados o alcalde e os concelleiros de emprego e contratación, así como un ex-traballador do INEM que tamén foi concelleiro nos gobernos de Nelson Santos. As investigacións da policía xudicial acúsanlles de ter manipulado listados de desempregad@s para seleccionar persoas do seu interese, así como de crear unha rede de venda de favores persoais que intercalou os contratos destas persoas no concello con contratos en empresas amigas beneficiadas na adxudicación de servizos municipais. En lugar de respectar a igualdade de oportunidades fomentando emprego estable e de calidade a través da convocatoria de prazas públicas ou acudindo a outras fórmulas de contratación reguladas e legais, preferiron aproveitarse da situación de desemprego de moitas persoas para o seu beneficio partidista, chegando, como indican as investigacións xudiciais, a pagar por debaixo do que lle correspondería a estos traballadores segundo a súa base de cotización.