O BNG cualifica de “esperpéntica” a situación do goberno do Porriño

O BNG cualifica de “esperpéntica” a situación do goberno do Porriño

O portavoz municipal do Bloque no Porriño, Pedro Pereira

Segundo informacións aparecidas nos medios de comunicación, o alcalde Nelson Santos ven de presentar unha querela por inxurias contra o presidente do PP e concelleiro do seu goberno, Manuel Carrera. Non podemos comprender como un alcalde que perde a confianza no seu concelleiro de Vías e Obras até o punto de denuncialo ante a xustiza, non decide cesalo das súas responsabilidades de goberno. “Se o alcalde non cesa a Manuel Carrera é porque sabe que a decisión podería producir dimisións, e teme perder a maioría coa que conta no pleno”, afirmou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

Manuel Carrera exerce de cómplice político necesario de Nelson Santos para manterse no poder. Despois de ter declarado nos xulgados contra o alcalde por facturación falsa, sigue no goberno e non ten a valentía política necesaria para dimitir do seu cargo. “Carrera pretende aparecer desvinculado do proceso xudicial aberto pero está a dar apoio político a esta forma corrupta de xestionar o concello”, declarou Pedro Pereira.

Co paso do tempo estase a desenmascarar o pacto de intereses que orixinou a moción de censura contra o goberno do BNG pola que Nelson Santos chegou á alcaldía no 2010. “Un pacto de goberno entre PP, CxP e IdP que non atendeu ao interese xeral da cidadanía, senón a intrigas e intereses persoais como agora se está a demostrar”, indicou Pereira.

Desde o BNG reafirmamos a nosa esixencia de dimisión dos tres membros do goberno implicados en casos de corrupción. “Nelson Santos, Jose Manuel Jacobo e Manuel Alejandro Alonso, imputados por tráfico de influencias, prevaricación, malversación de caudais públicos, fraude ilegal e delito contra o dereito dos traballadores, imputacións derivadas da súa acción de goberno, non deben permanecer un día máis ao fronte do Concello do Porriño”, concluíu o portavoz do Bloque.