Moción 8 de marzo

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego, ao abeiro do Regulamento orgánico municipal, presenta a seguinte moción para o seu debate en Pleno sobre o 8 de marzo.

Moción 8 de marzo

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O vindeiro 8 de marzo o feminismo galego fará historia novamente, como xa fixo nos anos 2018 e 2019 cunha folga histórica. Baixo o lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado” están convocados diversos actos preparatorios, unha manifestación nacional en Verín o 1 de marzo e numerosas convocatorias locais e comarcais para a propia xornada do 8 de marzo.

Con esta resposta e con esta campaña, o feminismo galego autoorganizado sitúa os coidados no centro do debate e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres.

Desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que corresponde ás institucións escoitar e recoñecer os debates que o feminismo galego está a colocar na axenda social e comprometer os nosos esforzos en corrixir as desigualdades que permanecen na Galiza de 2020.

Hoxe no noso país temos, malia que é ilegal, unha fenda salarial de máis de 4.000 euros entre homes e mulleres, que se dá tamén nas pensións de xubilación en máis de 400 euros. Así mesmo, sabemos que os coidados de maiores e crianzas recaen maioritariamente nas mulleres, quen continúan a ser con moito quen máis horas das súas vidas invisten nestes ámbitos.

Así mesmo, as galegas sufriron o deterioro dos servizos públicos básicos durante a recesión económica e as medidas tomadas polo Partido Popular. Tamén hai que ter en conta as repercusións para Galiza dun sistema de financiamento insuficiente tanto para a Xunta de Galiza como para os concellos, que son claramente discriminados e ao que se engaden as imposicións de déficit e restrición de gasto. Todo isto, xunto con decisións e recortes que se aplicaron desde as administracións galega e estatal, teñen derivado no infrafinanciamento de moitos servizos públicos. Esta situación tradúcese moitas veces na precarización destes servizos e das persoas que traballan neles, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar.

Outro ámbito moi importante de discriminación na esfera dos coidados é o do traballo do fogar ou traballo doméstico. Tanto polas desigualdades vixentes na organización familiar e os limitados avances na corresponsabilidade como por ser un ámbito que agocha moitas formas de traballo precarizado e mesmo alegal. Cumprida conta desta situación dan os datos que reflicten as grandes diferenzas que hai na distribución dos tempos no fogar entre homes e mulleres ou as consecuencias que o neoliberalismo ten en materia de precariedade, agravadas no caso de moitas mulleres migrantes.

É, ademais, un ámbito non suficientemente investigado e estudado mais que é evidente que ten un gran impacto na economía, que sería insostíbel sen esa achega non remunerada que lle regala a a vixencia do sistema patriarcal. Cómpre lembrar, por exemplo, que o valor xerado polas actividades no ámbito doméstico representaría o 50,6% do PIB de Galiza segundo a última Conta Satélite publicada no ano 2013 respecto do ano 2010 e con base 2008.

Por todas estas razóns, este 8 de marzo cómpre recoñecer o traballo do feminismo galego e contribuír desde esta institución a combater a precarización de servizos de coidados ocupados maioritariamente por mulleres, e a dar visibilidade ao que supón no noso sistema económico e social a contribución do traballo invisible dos coidados como paso necesario para construír unha nova orde social que supere o patriarcado.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte

ACORDO

  1. Recoñecer e apoiar as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2020 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galegas do sistema económico, social e político no que vivimos, que non podería sosterse sen coidados que se desenvolven en moitas ocasións de forma gratuíta ou a través da precarización de moitas mulleres, comprometéndose a traballar para que os poderes públicos contribúan a superar esta situación.

  2. Demandar da Xunta de Galiza o seu compromiso coa realización de estudos periódicos sobre o valor social e económico do traballo do fogar e do coidado. A comezar por:

    1. Dar cumprimento ao artigo 29.3 do Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galiza en materia de igualdade e realizar as actuacións necesarias para que no primeiro semestre de 2020 estea en marcha o desenvolvemento dunha nova Conta Satélite da Produción Doméstica.

    2. Realizar as actuacións necesarias para que no ano 2020 se desenvolva un profundo estudo, en colaboración coa universidade galega, do reparto do tempo nos fogares galegos.

    3. Comprometerse a iniciar a elaboración Plan de Dignificación e Visibilización dos Coidados co fin de valorizar e divulgar entre o conxunto da poboación galega a súa relevancia económica e social e as consecuencias que supón para o exercicio dos dereitos das mulleres o desequilibrio que persiste na actualidade así como as vantaxes sociais dun reparto equitativo dos tempos entre homes e mulleres.

  3. Demandar da Xunta de Galiza a asunción dos programas relativos á Dependencia para garantir a súa prestación universal e en igualdade para todas as persoas usuarias, sen que iso dependa do Concello de residencia (con capacidades económicas diferentes, e que fai que por exemplo, os Concellos máis pequenos do interior xeralmente cunha media de idade máis alta, teñan que suspender a prestación dos servizos por non poder facer fronte ao complemento que a Xunta obriga a pagar aos Concellos). Transitoriamente, demandar da Xunta de Galiza e do Goberno central, o incremento da súa dotación orzamentaria de forma que se garanta a continuidade dos servizos e se melloren as condicións laborais e salariais das traballadoras.

     


 

Moción 8 de marzo