O PP pretende boicotear a manifestación pola defensa do dereito ao aborto convocada para o día 7

Representantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto do Porriño agardando hoxe polo alcalde na Casa do Concello
O PP pretende boicotear a manifestación pola defensa do dereito ao aborto convocada para o día 7

Representantes da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto do Porriño agardando hoxe polo alcalde na Casa do Concello

Reproducimos comunicado da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto do Porriño:

A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto do Porriño ten convocada unha manifestación contra a reforma da lei do aborto do PP para o venres día 7 de marzo ás 20h, con saída desde a Praza do Concello. Esta mobilización en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo conta coa preceptiva autorización da subdelegación do goberno.

Na mañá de hoxe fomos coñecedoras polos medios de comunicación de que o concello trasladou, por motivos climatolóxicos, o desfile do entroido deste sábado para o venres 7, facéndoo coincidir co horario da manifestación convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto. No transcurso desta mesma mañá, puxémonos en contacto co alcalde e mantivemos unha reunión con el para esixirlle explicacións e expresarlle o noso malestar porque non contactara previamente nin coa plataforma nin coas comparsas que participan no desfile antes de tomar esa decisión.

Nelson Santos afirmou ser coñecedor desde hai unha semana da convocatoria desta manifestación, pero aínda así non dubidou en cambiar o desfile para esa data solapando á manifestación programada pola plataforma do Porriño. De ter vontade política e talante democrático, podería mudar o desfile das comparsas para outro día. Se non o fai, é porque quere poñer trabas á libre participación da veciñanza na manifestación pola defensa do aborto, forzando a escoller entre unha ou outra actividade, ámbalas dúas de interese xeral para a cidadanía. Non é a nosa intención interferir na normal celebración do desfile das comparsas do entroido pero é responsabilidade do alcalde garantir que a manifestación e o desfile se produzan con normalidade cumprindo coas medidas de seguridade necesarias.

O que pretende Nelson Santos é boicotear unha mobilización en defensa dos dereitos e liberdades das mulleres que non lle gusta. As organizacións que conformamos a Plataforma polo Dereito ao Aborto do Porriño queremos denunciar esta actitude do alcalde, e chamanos ao conxunto da cidadanía a respostarlle participando masivamente na manifestación do próximo venres.

Podedes descaixar aquí o folleto que se está a repartir polo Porriño anunciando a manifestación folleto_reparto_manifestacion

 

O PP pretende boicotear a manifestación pola defensa do dereito ao aborto convocada para o día 7