Nelson Santos e o PP queren privatizar o servizo de recollida do lixo no Porriño

Nelson Santos e o PP queren privatizar o servizo de recollida do lixo no Porriño

A maioría absoluta do PP aprobará previsiblemente no vindeiro pleno ordinario (luns 29 de decembro ás 18:30h) a privatización da recollida do lixo no Porriño. O expediente que se somete a votación contempla facultar a Nelson Santos para adxudicar o servizo por dous anos mediante un procedemento negociado. Parece que o único interés do PP é salvar o trámite legal necesario, a aprobación plenaria, para que sexa directamente o alcalde quen contrate o servizo. Non existen informes que avalen os beneficios económicos da operación e descoñécense as condicións xerais, tanto técnicas con administrativas, polas que se vai adxudicar o novo contrato.

image

 O BNG entende que  o Concello do Porriño pode prestar directamente o servizo de recollida do lixo facendo que funcione de forma máis eficaz e respectuosa co medio.  Solicitamos que se afronten as melloras materiais, de dotación de persoal e de concienciación social necesarias para facer minguar a recollida de residuos sólidos e de envases lixeiros no noso municipio. Defendemos que os servizos básicos sexan prestados directamente pola administración, sen privatizacións baixo fórmulas pouco transparentes que non garanten unha mellora na prestación do servizo e poden ser foco para irregularidades e amiguismo, e opoñémonos ao modelo de icineración de lixo da Xunta en Sogama,  por insostible, caro e por producir efectos nocivos para o medio ambiente e as persoas.

Nelson Santos entrando a declarar nos xulgados por suposta prevaricación e trato de favor a empresas amigas

Ao non presentar o goberno un estudo económico e técnico do custe do servizo de recolllida dos residuos sólidos e de envases lixeiros, descoñecemos si a privatización orixinará un incremento das taxas ou variacións nas frecuencias e nos puntos de recollida. Entendemos que o goberno tiña que someter a debate plenario o prego de condicións técnicas e administrativas para contratar o servizo. O alcalde está a utilizar a maioría do PP no pleno para que delegar na súa persoa a capacidade de contratar servizos e poder así seguir adxudicándollos a empresas afíns. O BNG votará en contra desta delegación e empraza ao resto da corporación a opoñerse a dar potestade ao alcalde para poder contratar directamente o servizo de recollida do lixo.

Nelson Santos e o PP queren privatizar o servizo de recollida do lixo no Porriño