O BNG acusa a Nelson Santos de agocharse para non ter que falar sobre a súa situación xudicial

Pedro Pereira (portavoz municipal) e Manuel Sánchez (responsábel local) no local do BNG no Porriño
O BNG acusa a Nelson Santos de agocharse para non ter que falar sobre a súa situación xudicial

Pedro Pereira (portavoz municipal) e Manuel Sánchez (responsábel local) no local do BNG no Porriño

Nelson Santos evitou asistir ao pleno extraordinario convocado polo BNG para non ter que responder ás preguntas da oposición sobre a súa imputación, xunto con dous concelleiros máis do seu goberno, por supostos delitos e irregularidades na contratación de persoal, obras e servizos. O Bloque considera unha falta de respecto á cidadanía a ausencia do alcalde no pleno, máxime cando lle comunicamos que aceptaríamos pospoñer a data da súa celebración tras ser coñecedores do falecemento de seu pai.

“A ausencia do alcalde no pleno é un desprezo cara os grupos da oposición, e por tanto, tamén cara os veciños e veciñas que representamos. A súa negativa a dar explicacións no pleno fai máis urxente a necesidade de que se produza a súa dimisión. Persoas acusadas de ter cometido, presuntamente, delitos graves como tráfico de influencias, malversación de caudais públicos ou fraude ilegal; así como de dirixir unha rede clientelar organizada para enchufar aos seus e para aproveitarse politicamente da necesidade de persoas desempregadas, non poden manterse nun cargo público”, afirmou o portavoz do Bloque, Pedro Pereira.

Privatización e incremento de prezo da auga

No pleno debateuse tamén sobre a polémica ordenanza da auga aprobada polo Consorcio do Louro. O PP defendeu a privatización deste servizo público e relativizou a subida das tarifas que reflexan os recibos que están a chegar aos domicilios. “O PP nada está a facer para que a nova ordenanza da auga non repercuta negativamente na economía das familias. Nin tan sequera se molestaron en informar aos veciños da posta en marcha deste novo modelo de xestión. Desde o BNG defendemos a xestión pública dun ben común como é a auga. A privatización está a reportar beneficios para a empresa adxudicataria en detrimento do servizo que se presta a veciños e veciñas”, sinalou Pedro Pereira. O BNG anuncia que presentará alegacións a unha ordenanza da auga que prexudica gravemente aos cidadáns da Louriña.

O BNG acusa a Nelson Santos de agocharse para non ter que falar sobre a súa situación xudicial