A FRONTE NACIONALISTA LOGROU QUE O GOBERNO ACEPTASE ONCE DAS DEZASEIS EMENDAS PRESENTADAS AOS PRESUPOSTOS MUNICIPAIS.

As achegas do BNG aos orzamentos permiten crear emprego, ampliar as coberturas sociais e protexer os barrios afectados polo lindano

O BNG amósase parcialmente satisfeito co acordo acadado co goberno local para que O Porriño teña por fin uns novos orzamentos

As achegas do BNG aos orzamentos permiten crear emprego, ampliar as coberturas sociais e protexer os barrios afectados polo lindano

“Gustaríanos que se incorporasen as 16 emendas presentadas, pero cremos que as once admitidas contribúen a mellorar significativamente o benestar e os servizos que presta o Concello ás veciñas e aos veciños do noso municipio”, valoran desde a fronte nacionalista. En opinión do portavoz municipal, Pedro Pereira “sen as achegas que realiza o Bloque Nacionalista Galego en materias como o emprego público, a asistencia social, a defensa do carácter público dos servizos ou os investimentos en abastecemento de auga e rede de saneamento nas parroquias, estes orzamentos quedarían coxos e non satisfarían as necesidades dos porriñeses”.

No entanto, desde o BNG lamentan que o goberno presidido por Eva García de la Torre, após tres anos de mandato, non fose quen de elaborar uns orzamentos ata agora, a pouco máis dun ano para as novas eleccións. “O acordo acadado demostra que o BNG sempre estivo disposto a dialogar se se lle presenta unha proposta. Pero non foi así. O acaecido estes días deixa en evidencia a falla de proxecto político e a incapacidade xestora deste goberno”, critican. Malia recoñecer —desde a experiencia de ter sido forza de goberno— as dificultades de gobernar sen unha maioría estábel e o atranco que supón a ausencia dunha intervención estábel, coidan que esas circunstancias non xustifican o “desleixo do actual goberno municipal”. “Se un goberno socialista se serviu duns orzamentos do PP durante todos estes anos, foi pola única e exclusiva responsabilidade da Eva García e seus socios de coalición. Co BNG pódese dialogar e chegar a acordos, velaí está a proba”, acrecentan.

Importantes melloras

A fronte nacionalista amósase certa de que de contar a alcaldesa coas propostas do BNG a situación do Porriño sería “bastante mellor”. Así o visa, na súa opinión, a substancial mellora que sufriron os orzamentos e que permiten unhas “mellores perspectivas de futuro para O Porriño”. Entre os logros políticos atinxidos a través da negociación orzamentaria desde o Bloque salientan o mantemento e ampliación do cadro de persoal; que se dote o Concello dunha Empresa Pública de Servizos —que fará moito máis eficiente a prestación dos servizos de limpeza viaria, recollida do lixo e xestión da piscina municipal—; a renovación do abastecemento de auga ás vivendas dos barrios de Contrasto e Pereira, afectados polo lindano; que se executen novos treitos na rede de saneamento en Atios, Mosende, Chenlo, Budiño e Pontellas; que se lle dea pulo ao proxecto de soterramento da liña de Alta Tensión en Torneiros; que se amplíen as axudas de emerxencia social para o aluguer de vivenda, o pago da luz, a adquisición de alimentos ou a compra de libros; a ampliación da humanización do barrio de San Bieito; que se reforme e amplíe o recinto de xogos da Guía, en Atios; así como outras melloras en materia de obras e servizos. 

“O BNG traballa para o benestar das porriñesas e dos porriñeses, de quen aquí vive e traballa, de quen nos visita, e tamén en favor do desenvolvemento comercial e industrial” defende Pereira, quen advirte que “ninguén pode culpar ao BNG das carencias e eivas deste goberno. O BNG sempre estivo aí para mellorar a vida das veciñas e veciños da nosa vila. Houbo quen preferiu outros apoios, e O Porriño padeceu as consecuencias. Pero esa decisión non é responsabilidade do BNG”.

As achegas do BNG aos orzamentos permiten crear emprego, ampliar as coberturas sociais e protexer os barrios afectados polo lindano