A rúa Pérez Leirós, un reto para a veciñanza
A rúa Pérez Leirós, no centro da vila do Porriño, presenta unhas condicións que a converten nun reto para a veciñanza. As beirarrúas son totalmente inadecuadas e o desnivel da vía tan desprorpocionado que os peóns prefiren ir pola vía, co perigo que isto significa.
A veciñanza reuniuse co BNG do Porriño para comunicarlle as súas queixas pola situación que hai na rúa Pérez Leirós, vía que se encontra no casco urbano da vila do Porriño. Esta presenta un desnivel moi pronunciado, o que fai o acceso ás vivendas e ós baixos moi difícil. Tamén dificulta o propio tránsito das persoas viandantes ante posibles perigos de escorregada e caídas. A situación agudízase para as persoas con mobilidade reducida ou o desprazamento con carros de bebés.
As veciñas puxeron en coñecemento da Concellería de Obras do Concello esta situación. Fixeron un ha modificación para poder acceder a un portal provocando que o desnivel aumentase. Este desnivel aumentado ten tamén consecuencias nas posibilidades de que os baixos comerciais da vía poidan chegar a ser utilizados como tal. Os baixos quedan moi a desnivel da beirarrúa, o que limita as súas posibilidades de uso.
A esta situación engádeselle a falta de mantemento e limpeza na franxa esquerda da vía. Hai verdello que fai aínda máis perigoso o paso por este lado da beirarrúa. “As persoas van pola estrada para non esvarar na beirarrúa. Estamos ante un novo caso de intervención que non soluciona nada ou aínda empeora a situación inicial. Facer obras non só se trata de romper e meter cemento. É necesario un estudo serio e rigoroso que solucione os problemas. Ese rigor é o que lle falta, como xa leva demostrado reiteradamente, ó actual goberno do Concello do Porriño”, declara Pedro Pereira, Portavoz do BNG do Porriño.