O PP hipoteca o futuro enerxético do Porriño por 20 anos.

No último pleno, o PP iniciou o proceso que externalizará o servizo enerxético do concello por 20
anos. O BNG considera esta medida un novo abuso económico que continúa na liña de
beneficiar as empresas fronte ós intereses da veciñanza.
O PP hipoteca o futuro enerxético do Porriño por 20 anos.
Imaxe do Concelleiro Pedro Pereira no Pleno
O Concelleiro Pedro Pereira no Pleno

A modificación da xestión enerxética que presentou o PP no último pleno significa a externalización do servizo durante 20 anos. Dará o servizo unha empresa intermediaria enerxética, deixando de negociar directamente coas empresas comercializadoras. “Nos últimos tempos, no noso concello puidemos comprobar que a externalización dun servizo municipal non é algo que se deba tomar á lixeira”, advirte Pedro Pereira, portavoz do BNG do Porriño.


O BNG denuncia, alén da fondura da medida, a maneira en que esta se presentou, pois nin se sabe quen acordou tomar esta decisión. Pero tampouco se sabe o seu custo pleno, pois un mercado tan volátil coma o enerxético fai imposible prever cal será o gasto real en 20 anos. “A pregunta é clara: se a empresa inviste 10 millóns por ano, canto gaña, á parte de pagarlle ao seu cadro de persoal”.

As empresas que responderon á proposta do Concello non son ningunha das comercializadoras coas que habitualmente traballa a administración. Os puntos de subministro do proxecto son outro aspecto escuro, pois aparecen moitos máis dos que lle correspondería facerse cargo á administración municipal.


“Nós opuxémonos a esta medida porque defendemos outro modelo de xestión. O que se procura dende o Goberno do PP é ter unha inxección importante de investimento a curto prazo para ter un cambio de luminarias en breve. Pero non importa nin a cuestión ambiental nin o interese económico da administración pública. Non se aposta pola enerxía renovable e poténciase a busca de altos lucros de empresas a través de contratos de moi longa duración. Esperamos que non se descubra conivencia entre quen elabora informes a favor deste tipo de medidas e as empresas que finalmente son beneficiarias destes contratos. Estaremos atentas”.

O PP hipoteca o futuro enerxético do Porriño por 20 anos.