O PP do Porriño négase a investigar o incendio en Couceiro
No último pleno, o BNG presentou unha moción para solicitarlle ó concello a apertura dun expediente de investigación ó Grupo Couceiro S.L.U. Éste buscaría coñecer os motivos do último incendio en maio e da reincidencia deste tipo de incidentes nas naves da empresa.
No último pleno, o BNG esixiu ao Concello actúe ante o que xa vén sendo un problema ambiental recorrente no Porriño, o lume nas instalacións do Grupo Couceiro S.L.U. Esta é unha empresa xestora de recollida, transporte e valorización de residuos. Por conseguinte, que as súas naves ardan ten consecuencias graves para o medio e para a saúde das persoas. Os residuos que trata esta empresa son diversos e, nalgúns casos, altamente contaminantes: rodas, metais, plásticos, orgánicos ou industriais. Todos eles son moi perigosos para o medio e para a saúde das persoas. Desde o BNG consideran que, cando menos, débese revisar o funcionamento dos protocolos de seguridade e a licenza de funcionamento da empresa.
No último incendio, as súas altas dimensións e o fume provocado evidenciaron a gravidade do incidente. Puxo en perigo a integridade de persoas que estivesen na área e o espazo Rede Natura das Gándaras de Budiño e a Ribeira do Louro, estremantes. Tamén houbo perigo de expansión do lume a outras naves próximas no mesmo polígono. Súmaselle a contaminación atmosférica pola produción de grandes cantidades de CO2 e a de augas e solos pola produción de dioxinas resultantes do incendio.
A forza nacionalista apunta que se debe ter en conta tamén o gasto de recursos públicos que significou este novo incendio. Mobilizáronse os servizos de bombeiros do Porriño-Baixo Miño, de Valença, do Morrazo e de Ribadumia; ademais, activouse o Plan Platerga da Xunta de Galicia, coa Garda Civil e Protección Civil.
“As graves consecuencias do incendio desta empresa e o feito de que sexa o terceiro lume desde 2008 nas mesmas instalacións xustifican que as autoridades competentes actúen”, afirman dende o BNG. Neste caso, a moción rexeitada polo PP solicitaba que se tomara un acordo no pleno para que se iniciase unha apertura de expediente de investigación que resolvese os motivos do incendio. Ademais pedía unha revisión do cumprimento das condicións de seguridade, habitabilidade e uso conforme á licenza da actividade da empresa. O goberno de Alejandro Lorenzo votou en contra obviando a súa responsabilidade na potestade de dar ou non licenza de actividade. “Outra volta, o alcalde non pensa na vida dos e das porriñesas. A saúde é fundamental e o mínimo que debiamos facer é asegurarnos de que se dean as condicións para protexela”.