O PP de Alejandro Lorenzo descoida as políticas sociais.

O BNG evidencia que o goberno do PP do Porriño non lles busca solucións ós problemas graves de acceso á vivenda da xente. Ademais, está a haber un incremento de persoas en situación de indixencia e sen fogar que esixen unha resposta que o concello non está a dar. A propia localización do departamento de Servizos Sociais segue sendo unha cuestión pendente dende a promesa de hai máis dun ano de reubicar o servizo noutras instalacións.

O PP de Alejandro Lorenzo descoida as políticas sociais.
A Concelleira do BNG, Miriam Martínez
A Concelleira do BNG, Miriam Martínez

A dificultade para acceder a unha vivenda é un problema real tamén no Porriño. Neste momento, o acceso á vivenda é un reto mesmo para as persoas empregadas polo elevado custo e a falta de oferta. Esta situación agudizouse nos últimos tempos, en parte, debido ao aumento de vivendas destinadas a alugueiro turístico no municipio, moitas delas en situación de irregularidade. Por parte doutros concellos, como é o caso de Santiago de Compostela, estase a tentar buscar solucións tomando medidas que controlen o mercado da vivenda. No último pleno, o BNG preguntoulle ao alcalde Alejandro Lorenzo cales son as súas propostas para intervir nesta situación e non houbo contestación.

Especialmente sensible é a situación na que se atopan as persoas en vulnerabilidade ou risco de exclusión social. No mes de maio o BNG preguntou polas alternativas que se ofrecen ás persoas que dormen na rúa do noso concello. Neste último mes, detectouse un incremento de persoas en situación de rúa e practicando a mendicidade. Á forza nacionalista preocúpalle a falta de medidas neste sentido e que a política social do concello se limite a solicitarlle á Xunta de Galicia os mesmos programas sociais de hai vinte anos sen atender a nova realidade do municipio.

Hai máis dun ano o PP anunciou que habería unha próxima ubicación das instalacións dos Servizos Sociais. Estamos ante unha nova promesa que quedou no aire. É importante que estas dependencias lles garantan o fácil acceso a todas as persoas. Deben contar con equipamentos axeitados para unha correcta atención ó público e para que as empregadas públicas poidan desenvolver o traballo en boas condicións.

O concello do Porriño presenta, debido ás súas dimensións poboacionais, numerosas necesidades de coidado por parte da administración local. “A foto e as apertas non suplen as respostas que o Concello lle debe dar á cidadanía e as políticas sociais non son unha prioridade de gasto para o noso Concello, centrado máis na festa e no asfaltado. Queremos saber cal é o programa social deste goberno para as persoas en situación de exclusión social”, puntualiza Míriam Martínez,  concelleira do BNG do Porriño.
O PP de Alejandro Lorenzo descoida as políticas sociais.