O PP de Alejandro Lorenzo aposta pola privatización das novas escolas infantís
O BNG critica que o goberno do PP do Porriño lle abra a porta á iniciativa privada na xestión das escolas infantís. Deste xeito retrocede na xestión educativa da etapa de 0 a 3 anos, pois é unha competencia do goberno galego. O alcalde anunciou que as dúas novas escolas infantís do Porriño non estarán na Rede Galega Galiña Azul, creando un novo servizo público privatizado.
Abrir novas escolas infantís era prioritario
no Porriño para atender a demanda crecente derivada do aumento poboacional e da chegada de novas familias. No concello, habendo preto de 800 nenos/as de 0 a 3 anos, cubríanse tan só o 15%, menos da metade da ratio de prazas públicas recomendadas pola UE. Nos últimos anos, moitas familias quedaban sen praza cada curso escolar pola insuficiente oferta pública.
O alcalde tiña anunciado que a creación de dúas novas escolas infantís sería unha realidade en 2025. A obra chega cun curso escolar de atraso, pero no último pleno municipal o goberno de Alejandro Lorenzo sorprende a opinión pública coa nova de que as escolas infantís van ser xestionadas desde o concello e non desde a Xunta.
O servizo de educación de 0 a 3 anos é competencia da Xunta de Galicia e está regulada a súa gratuidade desde o ano 2022 para todos os nenos e nenas, tanto as públicas, como as privadas. Así as escolas deben estar integradas na rede Galiña Azul coa finalidade de unificar criterios na atención educativa e para que a administración galega asuma a xestión. A gratuidade real desta etapa da ensinanza, no caso do Porriño, vai asumila o propio concello innecesariamente.
A xestión polo goberno galego destas escolas liberaría recursos municipais para outros cometidos locais. Esta decisión ideolóxica de Alejandro Lorenzo de negarse a ampliar a rede pública de escolas infantís só se pode explicar se hai un interese en favorecer a xestión indirecta dun servizo público.