A UAD e a Unidade de Saúde Mental, materias pendentes no Porriño

No último pleno do Porriño acordouse unha demanda histórica, que é a adhesión da Unidade de Atención a Drogodependencias (UAD) ao Sergas, e a esixencia da creación dunha unidade de Saúde Mental na vila. A Xunta de Galicia, responsable en materia de saúde, debe dotar suficientemente este recurso esencial discriminado dentro da atención sanitaria desde hai décadas.

UAD O Porriño
UAD O Porriño
A UAD e a Unidade de Saúde Mental, materias pendentes no Porriño

A pesar de ser por fin recoñecida como una cuestión de saúde dependente do Sergas, segue sen saberse cal será a futura localización da UAD no Porriño a medio prazo, nin como se vai incrementar o reducido cadro de persoal actual. O Porriño conta cun centro de saúde recentemente reformado e o BNG lamenta que non se tiveran contemplado necesidades como esta. Este feito demostra, para a forza nacionalista, que non foi máis que un lavado de cara propio do PP, pero que non significou unha mellora real e efectiva do servizo sanitario.

Hai cases dous anos, por iniciativa do BNG, o pleno do Porriño votou de forma unánime a esixencia dunha Unidade de Saúde Mental á Xunta de Galicia. Os problemas que motivaron esta esixencia non decreceron. Mais o Concello non iniciou ningún trámite para que este acordo plenario se converta nalgo real.

O Porriño presenta unha elevada densidade de poboación e, ao igual que en todo o territorio galego, a atención á saúde mental está ameazada especialmente nos grupos de idade das e dos mozos. A ansiedade, os trastornos aditivos, os trastornos alimentarios, o insomnio, as autolesións e os pensamentos suicidas son realidades que non se poden obviar. Tui e Ponteareas contan cun servizo de atención psicolóxica, pero a veciñanza do Porriño ten que se desprazar ao centro médico da Doblada. O BNG esíxelle ó goberno municipal que faga as xestións necesarias para impulsar o acordo plenario da creación dunha Unidade de Saúde Mental no Porriño.

A administración galega dá un paso importante ao asumir a atención das condutas adictivas, pero o Bloque advirte o PP da necesidade de facerse cargo doutros programas que sobrecargan os concellos como o Saf ou o Servizo de Atención Temperá. A concelleira Míriam Martínez pídelle ao goberno que o aforro que vai supor a eliminación desta partida non vaia destinada a gastos superfluos como luces de Nadal ou contratacións das orquestras máis codiciadas do país. Débese garantir no próximo orzamento que se destinen a ampliar a partida de gasto en servizos sociais.

A UAD e a Unidade de Saúde Mental, materias pendentes no Porriño