TERCEIRO CRÉDITO SOLICITADO NO QUE LEVAMOS DE 2025.

A maioría do PP aproba un novo gasto extra de máis dun millón de euros.

No último pleno, o goberno do PP aprobou un crédito extraordinario de 1.300.000 euros. O BNG denuncia unha política de malgasto e de falta de planificación que vai hipotecar o futuro do Concello do Porriño.

 

photo_2025-07-04_16-11-54
Foto de arquivo: Pleno do Concello

 

A maioría do PP aproba un novo gasto extra de máis dun millón de euros.

No pasado pleno, o PP aprobou no Porriño un novo expediente de crédito extraordinario con cargo a remanente. Este é dunha contía de 1.300.000 euros. Estamos ante o terceiro solicitado polo actual goberno do PP só neste 2025.

Dende a chegada de Alejandro Lorenzo ó goberno do Concello do Porriño, a situación económica das arcas municipais mudou radicalmente. Os créditos extraordinarios sobre o remanente de tesourería están a ser unha ferramenta usada dun modo abusivo. En seis meses, significou un adelgazamento das arcas municipais de 8.500.00 euros. Esta forma de xestionar hipoteca o futuro do noso concello.

Superada a metade do ano e contando cun goberno en maioría absoluta, o Concello do Porriño aínda non ten un orzamento do exercicio en curso. Esta situación só se pode explicar dende unha política do malgasto e da falta de planificación. O crédito extraordinario está previsto para cubrir gastos inesperados, cuestións de urxencia que non poden esperar o trámite ordinario, e o PP de Alejandro perverte esta ferramenta para evitar ter unhas contas transparentes. A renovación de escolas municipais, prometidas para o ano pasado,  necesita de equipamentos que xa tiñan que estar contemplados no proxecto, pero abren agora un novo procedemento para adquirilos. Este erro de planificación non lle sae gratuíto á veciñanza, que ve como os recursos municipais son dilapidados en gastos superfluos ou en erros de xestión.
Outro exemplo é a obra de mellora do Parque da Feira, que é o caso máximo de falta de planificación. Estamos a asistir a unha ampliación dos pasos de peón que recentemente se renovaran. É un dobre gasto que as e os porriñeses deben facer por unha mala proxección da obra. Este mesmo proxecto é o resultado de cinco contratos distintos, cos sobrecustos que isto significa. E o mesmo acontece co proxecto do salón de actos que se está a tentar presentar como un auditorio. Hai un descontrol do proceso de contratación e deficiencias no deseño dos proxectos que a veciñanza ten que pagar cos seus impostos.
Alejandro Lorenzo autopresentárase como un modelo de xestor. Estase demostrando que a súa xestión o único que trae consigo é dilapidación dos recursos do Concello e rectificacións de proxectos que deben ser continuamente revisados.

A maioría do PP aproba un novo gasto extra de máis dun millón de euros.