Lorenzo incrementa as horas extras da policía local

No último pleno, o goberno do PP no Porriño aprobou un incremento de 80.000 euros para pagar as gratificacións da Policía Local ata final de ano. Ao non termos aínda presuposto, o BNG preguntou de onde se vai retirar o gasto para cubrir esta nova partida non programada.

Lorenzo incrementa as horas extras da policía local
imagen_2025-09-09_191358388
Axentes da policía local do Porriño realizando controis nocturnos

O Alcalde vén de aprobar no pleno un incremento de 80.000 € en gratificacións para os vindeiros catro meses. A cifra total empregada para pagar horas extras da policía local alcanza os 200.000€, un auténtico salario encuberto para moitos axentes. Desde o BNG, consideran que a necesidade que argumenta o goberno de cubrir eventos culturais ou operativos de seguridade cidadá non xustifican o incremento. A axenda cultural do Concello ten que estar planificada e, no caso de non poder asumir o gasto de tantos eventos, non se deberan organizar. Ademais, algúns operativos de tráfico prestados pola Policía Local duplican os que prestan outras Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

O portavoz do BNG, Pedro Pereira, preguntou, sen obter resposta, de onde vai saír o diñeiro que cubra estes novos gastos extraordinarios. A falta de planificación e o malgasto do goberno que dirixe Alejandro Lorenzo é unha constante na vida municipal do Porriño. Resulta especialmente grave que un goberno en maioría non teña presentado nin tan sequera un borrador das contas do concello cando estamos case no último trimestre do ano. Sospeitamos que nos próximos meses pretenderán aprobar o orzamento de 2025, para cadrar o gasto descontrolado e maquillar os datos, como fixeron no exercicio económico anterior.
 

O BNG tamén preguntou no pleno polo expediente disciplinario aberto a un axente da policía local por detención improcedente e abuso da autoridade contra un veciño da localidade. Unha vez a Audiencia Provincial desestimou o recurso do axente en sede xudicial, respaldando a versión do veciño e cualificando a actuación de arbitraria e desproporcionada, o Bloque esixe que se depuren responsabilidades. A ambigüidade do Alcalde neste asunto, que chegou a ocultarlles información aos grupos da oposición e mantén paralizado o expediente, só se explica desde a conivencia con este tipo de comportamentos.

Lorenzo incrementa as horas extras da policía local