Lorenzo auséntase do Pleno para non dar explicacións sobre o asasinato de Teresa

Teresa de Jesús era auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar do Concello do Porriño e foi asasinada mentres desenvolvía o seu traballo o pasado 29 de xullo en Atios. Tras dous meses de inacción política, o pleno do Porriño por petición da oposición, esixiulle explicacións do sucedido ao alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, quen priorizou outros asuntos e abandonar o pleno sen escoitar as traballadoras que estaban no público asistente.

Lorenzo auséntase do Pleno para non dar explicacións sobre o asasinato de Teresa

Unha semana despois do asasinato de Teresa o BNG rexistrou unha solicitude de convocatoria urxente da xunta de portavoces e a creación dunha comisión de investigación para coñecer os feitos que rodearon a morte da traballadora. Hai constancia de incidencias nese domicilio desde maio e descoñécese cales foron as actuacións levadas a cabo polos servizos sociais do concello. Teresa tiña comunicado á empresa que non quería acudir ao servizo no que foi asasinada e a información da auxiliar non foi considerada. A pesar da gravidade do acontecido, desde o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo non se deu contestación ningunha á petición do BNG.
 

imagen_2025-10-10_164531215
Traballadoras do SAF no Pleno.

Coa convocatoria do pleno de setembro, o primeiro que se celebra logo do asasinato, comprobamos con estupor que o goberno do PP non engadiu ningún punto referido ao asasinato da traballadora e veciña. Foi grazas á iniciativa dos grupos da oposición que se aprobaron medidas cara á Xunta, a FEGAMP e o Concello, na procura de mellorar as condicións laborais e de seguridade das traballadoras, pero na negociación destes acordos non estivo presente Alejandro Lorenzo. A neglixencia do Alcalde levouno a abandonar o pleno antes de tratar este gravísimo tema para asistir a un acto dunha empresa privada. “Asumir as responsabilidades reais do seu cargo non é algo que Alejandro Lorenzo teña costume de facer, pero esta vez é especialmente indignante. Non se conmoveu nen ante o dano que a súa desatención provoca a terceiros, especialmente, ás auxiliares do SAF a quen deixa en situación de desamparo por non tomar ningunha medida que axude a protexelas”, advirte Míriam Martínez Troncoso,  concelleira do BNG.

“É un deber inescusable a comparecencia do Alcalde Alejandro Lorenzo para explicar a resposta que deu o concello desde que se tivo coñecemento da primeira incidencia comunicada por Teresa de Jesús á empresa. Tamén debía ter informado das  futuras medidas destinadas a protexer o colectivo de traballadoras do SAF, que segue na mesma situación de indefensión. Isto é unha prioridade inaprazable. O máximo representante do concello ten o deber de dar conta e estar no pleno para poder oír, directamente, a voz das traballadoras e non facelo é mostra da súa arrogancia” afirmou a concelleira do grupo nacionalista.

Lorenzo auséntase do Pleno para non dar explicacións sobre o asasinato de Teresa