Lorenzo aproveita a súa maioría para “amordazar” o pleno e minar a pluralidade democrática

Pleno municipal
Pleno municipal

O BNG do Porriño advirte de que o goberno do PP quere silenciar o pleno. A nova modificación do regulamento reduce o número de iniciativas que cada grupo da oposición pode presentar e acurta os tempos dos que dispoñen as outras dúas forzas políticas con representación municipal. Ademais, outórgalle ó alcalde máis potestades na dirección da sesión plenaria.

Lorenzo aproveita a súa maioría para “amordazar” o pleno e minar a pluralidade democrática

O Goberno do PP no Porriño vén de aprobar unha modificación do Regulamento Orgánico do Pleno. O documento aprobado volveu ó último pleno para tratar as alegacións presentadas e proceder á súa aprobación definitiva. O PP desestimounas todas.

Con este novo regulamento, o goberno que dirixe Alejandro Lorenzo restrinxe o número de iniciativas que poden presentar os grupos da oposición, limita o tempo das intervencións e outórgalle máis potestades ao Alcalde para dirixir, segundo o seu criterio, as sesións plenarias.

Ao Alcalde moléstalle escoitar a oposición. Para el os plenos son unha perda de tempo. Debemos recordarlle que o pleno é o órgano de goberno da cidadanía, ó ser o seu máximo representante. Esta modificación do regulamento e a actitude pouco democrática que mantén coa oposición durante as sesións son unha falta de respecto ao conxunto da cidadanía representada no Pleno da Corporación Municipal”, sinalan desde o BNG. 

A alegacións presentadas polo BNG buscaban que o goberno municipal rectificase no acurtamento no dereito das restantes forzas políticas de exercer o seu papel de oposición. Este novo regulamento racha coas normas consuetudinarias do pleno e aféctalles ó conxunto das porriñesas e porriñeses, pois “o pleno é o espazo no que se debaten as decisións importantes que nos atinxen a todas as persoas”, recalcan dende a forza nacionalista.

O bloque destaca que, na liña de rexeitar calquera indicación vinda da oposición, o PP tamén rexeitou a alegación na que se advertía que o documento presentaba unha linguaxe non sexista. Ademais, é un documento que atenta contra a Lei de Normalización Lingüística e o Estatuto de Autonomía ó tentar reducir a expresión oral do galego no pleno, introducíndose a forza conservadora por un vieiro inaudito no pleno.

“Detrás de tanto bico, tanta aperta e tanta foto agóchase un alcalde autoritario que confunde ter maioría absoluta con exercer o absolutismo. É a versión moderna dos alcaldes anteriores do PP. Xa Nelson Santos, un dos seus referentes políticos xunto con Barros, como o propio Alcalde ten manifestado, recortara os dereitos plenarios dos e das concelleiros e concelleiras no 2011. Agora, Lorenzo tenta ir un paso máis alá”, afirman desde o BNG, asegurando que actuarán con contundencia denunciando calquera intento de minar a pluralidade política.

Lorenzo aproveita a súa maioría para “amordazar” o pleno e minar a pluralidade democrática