A loita polas melloras da educación chega ó pleno do Porriño da man do BNG
No último pleno do ano, o BNG conseguiu o compromiso de que o Concello do Porriño apoie as reivindicacións das familias para a mellora do sistema educativo público galego. As Anpas da Louriña están a organizarse, do mesmo xeito ca o profesorado, para esixir melloras fundamentais nos centros da comarca.
No curso lectivo actual, toda a comunidade educativa estase a organizar para reivindicar melloras nun sistema educativo asfixiado economicamente e sen recursos para atender as numerosas necesidades do estudantado. Os servizos de orientación están sobrecargados, as ratios son excesivamente elevadas, non hai suficiente profesorado de apoio e os recursos económicos non son suficientes para que haxa un mantemento adecuado dos centros educativos.
Dentro deste contexto, as Anpas do Porriño e de Mos estanse a coordinar para esixir as melloras básicas que os centros da comarca precisan. Como o Concello do Porriño ten a obriga de apoiar e acompañar a comunidade educativa no exercicio dos seus dereitos, o BNG esixiu no pleno que o Goberno Municipal apoie publicamente o labor das Anpas do municipio.
Alejandro Lorenzo debe instar a Consellería de Educación da Xunta de Galicia a atender con urxencia as demandas das Anpas no relativo á dotación suficiente de profesorado, especialistas, persoal de apoio e servizos de orientación. O Concello debe ofrecerlles apoio institucional e técnico ás Anpas.
Tras este acordo impulsado polo bloque, Alejandro Lorenzo debe promover unha Mesa Comarcal de Educación, coa participación de tódolos membros da comunidade educativa, para analizar necesidades, facer seguimento da situación e articular accións conxuntas.