O goberno de Alejandro Lorenzo incumpre a legalidade

O BNG do Porriño denuncia un funcionamento fraudulento e contrario á lei no Concello do Porriño.  Os cargos de confianza desenvolven funcións que non lles son propias ó xestionar expedientes ou contratos, saltando o control que a lexislación impón sobre estes contratados polo alcalde. A isto hai que sumarlle a xestión fraudulenta e ilegal do aparcamento da Avenida de Galicia.

O goberno de Alejandro Lorenzo incumpre a legalidade

No último pleno, o BNG preguntou se os cargos de confianza nomeados pola alcaldía poden ou non facer xestións ordinarias de tramitación de expedientes administrativos. A resposta, segundo a lexislación vixente, é negativa. Mais isto choca co funcionamento do Concello do Porriño. Son varios os expedientes de tráfico que están no portal de Xestiona tramitados por cargos de confianza, incumprindo a lei. A forza nacionalista solicitou resposta e informe do secretario municipal ante esta irregularidade.

A xestión de contratos menores por estes mesmos cargos, que non son funcionarios escollidos tras un proceso público de oposición, senón que o criterio de escolla é o de pertencer ó círculo de confianza da alcaldía, é un modo de funcionamento habitual no Concello do Porriño e que a lei non permite.

A Lei de Función Pública estipula cales son as funcións do persoal funcionario e cal a das persoas contratadas como cargos de confianza. A intención deste regulamento é impedir a corrupción e o conflito de intereses no funcionamento de calquera administración pública. Un cargo de confianza ten o labor de apoiar ou asesorar na xestión das súas funcións ó alcalde ou ás persoas concelleiras. Mais non pode xestionar expedientes ordinarios nin contratos municipais.

A isto debemos sumarlle o continuo fraccionamento dos contratos para evitar ter que superar un maior control e a repetición de empresas beneficiarias destes. Coincide que o habitual é que sexan entidades próximas ó PP, práctica que se agudiza de atendermos o urbanismo. O urbanismo á carta para determinadas persoas próximas ó alcalde amósannos un modo de actuar político que é, cando menos, eticamente cuestionables.

O aparcamento da Avenida de Galicia segue a ser xestionado por unha empresa sen contrato

O servizo de aparcamento da Avenida de Galicia está ó cargo dunha empresa sen aval de ningún tipo de contrato coa administración local, pois este non foi licitado despois de que hai un ano esta licitación quedara deserta. O concello do Porriño debe ou recuperar a xestión propia desta instalación, que anunciara hai case un ano, ou seguir cunha forma fraudulenta e ilegal de dar este servizo.

Alejandro Lorenzo e o goberno do PP están a confundir maioría absoluta con poder saltar todos os procedementos administrativos regulados por lei. Este modo de funcionar é perigoso e impropio dun goberno, sexa cal for a súa cor política” recalcan dende a forza nacionalista.

O goberno de Alejandro Lorenzo incumpre a legalidade