A desidia de PP e PSOE mantén a inseguridade en Torneiros

Dous meses despois de aprobarse no pleno a petición do BNG, convócase por fin a Xunta Local de Seguridade. A situación de inseguridade real que se está a vivir en Torneiros agudizouse desde este verán. Ante a inacción institucional, a veciñanza comezou unha recollida de sinaturas para reclamar solucións efectivas.

A desidia de PP e PSOE mantén a inseguridade en Torneiros

 

foto torneiros
Foto Torneiros

No último ano, na parroquia de Torneiros estase a sufrir un problema persistente de venda de drogas e as consecuencias que leva asociadas: conflitos, deterioro da convivencia e inseguridade.

Existe un foco moi próximo aos centros de ensino do CEIP Ribeira e do IES Ribeira do Louro, así como tamén da escola infantil, e persoas que se atopan en consumo activo conflúen cos menores que acoden ós centros educativos provocando problemas de convivencia impropios dun espazo educativo.

Dende o verán, aumentou notablemente a afluencia de persoas consumidoras e tamén os conflitos violentos entre as persoas adictas cos veciños/as. Rexistráronse estragos materiais e a veciñanza confirma que presentou numerosas denuncias ante a Garda Civil e a Policía Municipal. Tamén acudiron xunto de Alejandro Lorenzo, o alcalde, na busca dunha solución que non dá chegado.

No pleno do pasado mes de decembro o Bloque aprobou unha moción na que lle solicitaba ao alcalde que convocase con carácter urxente a Xunta Local de Seguridade para abordar o problema de saúde pública e de violencia que vive O Porriño, especialmente focalizada en Torneiros. Esta Xunta, na que se atopan representados todos os corpos de seguridade e as administracións competentes, debe promover que se incrementen os operativos de vixilancia e coordinar as accións destinadas a erradicar esta problemática.

O pasado xoves o goberno anunciou a celebración desta xunta. É unha convocatoria que se demorou dous meses e que se realizou sen contar cos grupos da oposición. Ademais, as conclusións trasladadas polo goberno contrastan coa realidade que se vive no barrio, chegando a afirmar que O Porriño é un concello seguro.

“A veciñanza está a ter que recorrer á presión mediática ante a inacción das administracións competentes. Estes días comezaron unha recollida de sinaturas no barrio que demostra que o que busca son solucións. Desde o Bloque queremos amosarlles o noso apoio aos veciños e veciñas de Torneiros e denunciamos que tanto Concello como Subdelegación do Goberno non están a asumir as súas responsabilidades coa dilixencia que a situación require”, sinalou a concelleira Míriam Martínez Troncoso.

A desidia de PP e PSOE mantén a inseguridade en Torneiros