O BNG traslada aos representantes das distintas disciplinas deportivas do concello as súas propostas

Encontro co deporte

No encontro celebrado con representantes de varios clubs e distintas disciplinas deportivas –fútbol, baloncesto, balonmán, ximnasia, patinaxe, atletismo, ciclismo, etc– Pedro Pereira candidato á Alcaldía, explicou as propostas do programa para o deporte no Porriño

O BNG traslada aos representantes das distintas disciplinas deportivas do concello as súas propostas

Pereira quixo, en nome do BNG tamén, “recoñecer en primeiro lugar a dedicación e o traballo que realizan os homes e mulleres que integran as distintas directivas dos clubs deportivos do Concello do Porriño. Consideramos que o Concello debe seguir colaborando, mediante convenios ou a través de liñas de subvencións, cos clubs para que a alta participación na práctica do deporte no Porriño non diminúa. Mais tamén é necesario maior investimento na mellora e mantemento das instalacións actuais”.

Dende o BNG consideran que os distintos convenios ou liñas de subvención deben realizarse dentro do primeiro trimestre do ano e non máis tarde como sucede na actualidade, así como mellorar as bases coa participación e consenso dos distintos clubs deportivos para incluír novos criterios na procura dun reparto mais equitativo e que atenda as necesidades actuais de promoción do deporte base.

Pedro Pereira transmitiulles tamén a crenza que ten o BNG da necesidade de fomentar a práctica deportiva de outras modalidades ben como deporte de grupo ou individual distintas ás xa implantadas no concello.

Outras das cuestións que o BNG expuxo neste encontro  foi a necesidade de crear un Consello Municipal do Deporte, co obxectivo de conseguir unha maior coordinación entre os distintos clubs e mellorar o desenvolvemento do deporte no Porriño.

O BNG traslada aos representantes das distintas disciplinas deportivas do concello as súas propostas