O BNG segue a traballar na regularización das canteiras

O BNG segue a traballar na regularización das canteiras

O BNG está a impulsar, a través da concellaría de Patrimonio dirixida por Pedro Pereira, distintos expedientes de arrendamento nas canteiras do Porriño. Os expedientes contemplan un acordo que obriga as empresas afectadas a afrontar mediante un plan de pagos as débedas contraídas co concello nos últimos 5 anos para poder regularizar a súa situación.  

“A situación anómala que temos hoxe é herdada dos anos 80, consecuencia da permisividade dos gobernos do PP  coa ocupación e explotación das canteiras sen ningún tipo de regulamento inicial. Estamos a buscar fórmulas para dar solución a un problema que non debemos permitir que se perpetúe máis no tempo e que provoca unha clara perda de ingresos nas arcas municipais e un prexuízo para o conxunto da cidadanía”, sinalou o portavoz do BNG, Pedro Pereira.

Xa no mandato 2003-2007, o goberno en minoría do BNG presentou no pleno unha proposta de aprobación de novos pregos para regularizar o sector, obstaculizada na altura polo voto en contra da dereita. Pola contra, o PP no goberno non contou coa oposición do Bloque cando levou a pleno un novo prego de condicións técnicas para o arrendamento de parcelas no 2012. Aínda que ao noso entender o expediente era mellorábel e non recollía toda a complexa realidade das ocupacións e actividades do sector da pedra, o certo é que permitiu a formalización de varios contratos de arrendamento, tanto nese momento como en sucesivas lexislaturas.

Nesta nova etapa con responsabilidades de goberno nas áreas de Patrimonio e Urbanismo, desde o BNG queremos seguir avanzando na regularización das ocupacións, e vimos de  impulsar a redacción de dous novos pregos xerais: un específico para o sector da extracción e outro para o sector dos áridos, froito de varias reunións co sector. Estes novos pregos incorporan cláusulas específicas para as canteiras que inician a súa restauración unha vez finalizada a actividade extractiva e tamén regulan as ocupacións das actividades do sector do transformado de áridos como plantas de formigón ou aglomerado asfáltico.

“Ademais agora conseguimos que as empresas coas que se asinan novos contratos afronten nun plan de pagos realista e viábel, débeda contraída co Concello”, afirmou Pedro Pereira. Neste sentido sorpréndenos a postura do grupo municipal de EU-SON no pleno, votando en contra dun expediente que redunda positivamente na recadación municipal e beneficia ao conxunto da veciñanza. “Parécenos irresponsábel votar en contra por sistema e sen presentar alternativas a un sector tan estratéxico para O Porriño como é o do granito ”, concluíu o portavoz do Bloque.

O BNG segue a traballar na regularización das canteiras