O BNG reclama no Porriño compromisos para rehabilitar a obra de Antonio Palacios en Mondariz Balneario

O Bloque rexistra unha moción para instar a Xunta a declarar ben de interese cultural (BIC) a Fonte de Troncoso, obra do arquitecto porriñés Antonio Palacios. Urxe ademais o desbloqueo da súa rehabilitación.

Fonte Troncoso
Situación actual da Fonte de Troncoso en Mondariz Balneario
O BNG reclama no Porriño compromisos para rehabilitar a obra de Antonio Palacios en Mondariz Balneario

O edificio da Fonte de Troncoso, proxectado por Palacios, posúe un elevado interese arquitectónico, histórico, etnográfico e industrial. É unha peza singular do patrimonio cultural galego e o seu valor transcende amplamente o ámbito local. Constitúe un referente patrimonial e turístico para toda a comarca. Porén, o seu estado de conservación é preocupante, cun deterioro moi importante do inmoble e unha exposición recorrente a inundacións do río Tea. Necesita urxentemente unha intervención que garanta a súa preservación.

Esta situación resulta especialmente grave se se ten en conta que o Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana vén publicar a nova convocatoria do Programa 2% Cultural, destinado a financiar actuacións de conservación, restauración e rehabilitación de bens inmobles declarados BIC. A negativa da Xunta está a privar a unha administración con poucos recursos, como é o Concello de Mondariz Balneario, da posibilidade de acceder a recursos económicos para actuar e poder sufragar gastos relacionados coa conservación e recuperación da fonte.

A moción presentada polo Bloque reclama tamén o desbloqueo urxente do proxecto de rehabilitación redactado no seu momento pola Xunta, así como a execución efectiva dos 400.000 euros comprometidos, co fin de garantir a conservación e salvagarda inmediata do inmoble. “O Concello do Porriño ten que reafirmar o seu compromiso coa protección, conservación e posta en valor do conxunto da obra de Antonio Palacios. Debe promover a cooperación interadministrativa necesaria para preservar uns bens que forman parte do patrimonio cultural de todos os galegos e galegas”, afirman desde o grupo municipal do BNG.

O BNG reclama no Porriño compromisos para rehabilitar a obra de Antonio Palacios en Mondariz Balneario