O BNG marca de populista a Lorenzo pola autocaravana do Concello

Pedro Pereira, portavoz do BNG
Pedro Pereira, portavoz do BNG

O BNG denuncia que o vehículo comprado polo Concello é un novo gasto superfluo inxustificado, por existiren xa instalacións nas parroquias para poder utilizar, e unha mostra máis da xestión populista do PP do Porriño.

O BNG marca de populista a Lorenzo pola autocaravana do Concello

O concello do Porriño comprou unha autocaravana a cal, nun principio, ía ser destinada a punto lila, para informar sobre como actuar ante casos de violencias sobre as mulleres. Finalmente, úsase como oficina móbil da administración. Esta estaciónase diante dos centros culturais das parroquias e emprégase para publicitar un Concello próximo á cidadanía.

Este investimento non se xustifica, pois os locais das parroquias, especialmente no verán, contan con instalacións libres que poderían ser utilizadas pola administración municipal. "Estamos ante un novo caso de gasto superfluo e utilitarista da administración de Alejandro Lorenzo. Dende o BNG, consideramos que usar os centros culturais parroquiais sería unha forma de dinamizalos e tamén se evitaría a exposición das veciñas e veciños nun formato populista innecesario” afirma Pedro Pereira, concelleiro do BNG do Porriño.

A dispersión poboacional do concello do Porriño é similar á de calquera outro municipio da contorna, polo que unha medida deste tipo non é xustificable. “Esta medida parece que responde máis ó gusto do noso alcalde pola foto”, indica Pereira. “De existir preocupación real pola dispersión da poboación, terían impulsado iniciativas para mellorar a comunicación entre as parroquias e o centro, como crear unha liña de bus municipal dentro do transporte interurbano da Xunta de Galicia. Neste sentido non hai interese desde o goberno local”.

A propia presenza do alcalde nas visitas delata o carácter propagandístico da iniciativa. Alejandro Lorenzo non aporta ningún coñecemento técnico para tramitar unha xestión ante o Concello.A presenza do alcalde é puramente electoralista. Estamos a pagar, cos cartos de todos e todas, a súa continua campaña electoral” denuncia o portavoz do Bloque.

O PP conta con maioría estábel no Pleno. Posúe todas a ferramentas para poder acometer cambios estruturais e modernizar os servizos públicos municipais, mellorar as instalacións e a súa accesibilidade (especialmente deficitarias son as que ocupa o departamento de Servizos Sociais) ou dotar con novas prazas o cadro de persoal. “En lugar de darlles solucións ás carencias reais do Concello do Porriño na súa relación coa cidadanía, Alejandro Lorenzo pretende instalar na frivolidade permanente a vida política municipal”.

“Este tipo de iniciativas sitúan o alcalde do Porriño na liña do peor dos populismos” advirte Pedro Pereira. Dende o BNG recordan o papel de Alejandro Lorenzo como concelleiro de Emprego no goberno de Nelson Santos. “Nesa etapa, organizaban grandes e publicitados Feiróns de Emprego onde se xogaba coa ilusión das persoas desempregadas. Descubriuse que moitos dos currículos recollidos non se entregaban ás empresas, como se prometera, e remataban acumuladas nas instalacións municipais”.

O BNG marca de populista a Lorenzo pola autocaravana do Concello