O BNG logra por unanimidade reabrir o expediente disciplinario ao Policía Local que actuou á marxe da legalidade
O Pleno do Porriño á petición do BNG rexeita a actuación do axente Antonio Pereira Nandín que esixiu identificarse a un veciño de orixe saharaui cando el ía vestido de paisano sen autorización para actuar sen uniforme. O pleno toma o acordo de que o alcalde se desculpe co afectado en representación do concello pola actuación excesiva do axente.
Ao axente da Policía Local do Porriño, denunciado por detención improcedente e abuso de autoridade, váiselle reabrir o expediente disciplinario que se iniciou cando sucederon os feitos e quedara en suspenso ata ter a resolución do auto. A audiencia Provincial Pontevedra desestima os motivos que alegou o axente nº223033 no seu recurso no que acusaba ao rapaz de cometer un delito de resistencia á autoridade do que quedou absolto.
No ano 2021, o veciño do Porriño Mohamed Salen Hkatari Moulod denunciou unha actuación de abuso policial por parte dun efectivo da Policía Local. Indicou que fora detido logo de que este axente que non estaba de servizo lle pedira identificarse sen motivo aparente, chegando a reducilo e tiralo ao chan para esposalo mentres outro axente o detiña. Ante estes feitos, o policía presentou unha denuncia que abriu un proceso xudicial que ven de ratificar a versión de Mohamed, o axente actuou dun modo improcedente e o acusado quedou libre de cargos.
No mesmo ano en que se deron os feitos, o Concello abriu un expediente disciplinario contra o empregado público, pero quedou paralizado ata que se resolvera o procedemento xudicial. Agora que xa hai unha resolución, a moción do BNG conseguiu o acordo de que se reabra o expediente ao traballador e se tome unha decisión proporcional a actuación policial. “A gravidade dos feitos, sen entrar que poidan ter ou non un cariz racista, non se poden tolerar nun sistema democrático porque sería xustificar o abuso de poder. Garantir o orde público e a correcta convivencia cidadá non son cometidos que poida desenvolver ningunha persoa con antecedentes desta natureza” refire o Portavoz Pedro Pereira.
A responsabilidade sobre a mala praxe dun empregado na administración local é do concelleiro delegado e do alcalde como máximo representante e ao BNG preocúpalle que a intención do alcalde no pleno fora que este asunto quedara “sobre a mesa” e non se tomara ningunha decisión ao respecto. “Así como unha acción política temeraria debería ter consecuencias, tamén un servidor público ten que asumir que unha acción inapropiada ten efectos na súa vida profesional” afirma o bloque. É preocupante que as testemuñas da Policía Local foran consideradas pouco verosímiles nas súas declaracións e que o máximo representante do concello se manteña en silencio sobre este asunto. A forza nacionalista denuncia a vontade do goberno de agochar os conflitos da Policía Local porque non fixo chegar a documentación xudicial que o afectado presentou ante o Concello do Porriño a pesar de que este solicitou explicitamente que fose facilitada a todos os grupos da oposición.