O BNG lembra ao goberno de Lorenzo que O Porriño segue sen orzamento do 2025
O orzamento é a principal ferramenta a disposición dos gobernos locais para garantir os servizos municipais e planificar políticas públicas. Resulta especialmente grave que o goberno do PP, que dirixe Alejandro Lorenzo no Porriño, a estas alturas aínda nin presentou un borrador das contas que deberían estar ao comezo do ano.
“Descoñecemos se nos próximos meses pretenderán aprobar o orzamento de 2025, para cadrar números e procurar maquillar o gasto descontrolado, como fixeron no exercicio anterior. O certo é que nada sabemos deste exercicio, cando xa terían que estar a traballar nas do 2026. Unha mostra da falta de previsión dun goberno que, tendo maioría absoluta, a empréga para traballar sen normas nin rigor”, denuncia Pedro Pereira, portavoz do BNG.
No tempo que Alejandro Lorenzo leva na alcaldía, gastáronse 12 millóns de euros do remanente que afirmara que non existía e recorreu a diferentes préstamos bancarios. Estes xerarán uns 3 millóns máis en intereses. “Estamos ante un auténtico dispendio, un gasto sen control en asuntos superfluos, verbenas e proxectos cuestionables, como o do Campo da Feira”, advirte a forza nacionalista. A realidade é que liquidou o remanente de tesourería do Concello e incrementou exponencialmente a débeda de tódalas porriñesas e porriñeses, como vén de informar o propio Consello de Contas, sen dar solución aos problemas do municipio.