O BNG lamenta a morte de Teresa e esíxelle ao alcalde medidas urxentes para protexer as traballadoras do SAF do Porriño.

A forza nacionalista solidarízase coa familia, amizades e compañeiras de Teresa, mais considera que as autoridades competentes deben materializar o apoio dos discursos revisando as condicións de traballo deste colectivo. A precariedade, os salarios baixos e a desprotección das traballadoras do Servizo Axuda no Fogar (SAF) sae á luz con esta traxedia, pero o sector leva anos realizando un servizo fundamental para a cidadanía sen ter garantida a súa integridade.

O BNG lamenta a morte de Teresa e esíxelle ao alcalde medidas urxentes para protexer as traballadoras do SAF do Porriño.
Concentración 30_07_25
Concentración do día 30/07/2025 diante do Concello trala morte de Teresa, traballadora do SAF.

O BNG do Porriño sumouse ás concentracións de onte e hoxe para solidarizarse con Teresa, traballadora do SAF neste concello, a quen mataron brutalmente o pasado martes mentres estaba prestando os seus servizos nun domicilio. O SAF é un servizo do sistema público de atención á dependencia, competencia da Xunta de Galicia, que se xestiona desde os concellos e que, como toda a sanidade pública, está a sufrir un importante desmantelamento. A Xunta de Galicia nos últimos dous meses recortou 17 millóns de euros deste servizo debilitando así a rede pública de residencias e centros de día e perpetuando un modelo asistencialista e privatizador. Isto repercute na carga económica que teñen que soportar os concellos para atender as persoas sen contar, en moitos casos, cos recursos suficientes para facelo.

A maneira de resolvelo adoita ser a contratación dunha empresa externa e privatizar un servizo público fundamental, que se empobrece para permitir o beneficio da empresa. As traballadoras, maioritariamente mulleres, do SAF veñen denunciando reiteradamente a súa precarización laboral e salarial, e denuncian diariamente situacións de perigo e desprotección que non son atendidas coa sensibilidade e dilixencia que requiren.

O SAF no Porriño estase prestando a través da empresa Aralia, pero o concello é o responsable do seguemento das incidencias que as auxiliares reportan á empresa. A información que a  traballadora lle advertiu á empresa de que non se estaban a dar as condicións para desenvolver o seu posto de traballo con garantías non foi suficiente para tomar medidas e evitar o desenlace fatal. Desde o BNG pedímoslle ao goberno de Alejandro Lorenzo unha comisión de investigación para esclarecer os feitos e depurar responsabilidades, ademais de esixirlle á Xunta de Galicia a creación dun protocolo de actuación consensuado coas traballadoras, sindicatos e axentes políticos para mellorar a protección das traballadoras.

A precariedade do traballo dos coidados é violencia machista e a morte de Teresa é violencia institucional por ter deixado en risco a vida dunha traballadora que con responsabilidade comunicou unha incidencia que foi tratada de xeito neglixente. O BNG súmase ós colectivos e persoas que queren que esta morte non sexa inútil. Sábese que puido ser evitable, se houbese unha atención ás denuncias feitas pola traballadora, mais é tarefa das institucións poñer os medios para que non volva acontecer algo similar. “As accións legais contra persoas físicas concretas que anunciou Alejandro Lorenzo non van solucionar nada, pois o erro é sistémico. A solución está en faceren as administracións o seu traballo e protocolizar a protección das traballadoras.”

O BNG lamenta a morte de Teresa e esíxelle ao alcalde medidas urxentes para protexer as traballadoras do SAF do Porriño.