O BNG insta a Lorenzo a dar explicacións no Pleno do asasinato de Teresa.
Teresa de Jesús foi asasinada o pasado 29 de xullo de 2025, mentres desenvolvía o seu traballo como auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar do concello na parroquia de Atios. Este feito evidencia os gravísimos riscos para a integridade persoal aos
que se expoñen as traballadoras do SAF do Porriño.
O BNG rexistrou unha semana despois do acontecido unha solicitude de convocatoria dunha xunta de portavoces urxente e a creación dunha comisión de investigación para coñecer os feitos que rodearon a morte da traballadora. Búscase saber por que fallaron as medidas de seguridade que provocaron a vulneración do seu dereito fundamental á vida. Hai constancia de incidencias nese domicilio desde maio e queremos saber cales foron as actuación levadas a cabo polos servizos sociais do concello, nese momento e nos días anteriores ao falecemento. Teresa comunicáralle á súa empresa que non quería acudir ao servizo no que horas máis tarde foi asasinada. Vese que esa comunicación non foi suficiente nin considerada coa gravidade necesaria.
Tras recibir a convocatoria do pleno de setembro, o primeiro que se celebra logo do asasinato da traballadora e veciña, comprobamos con estupor que o goberno do PP non engadiu ningún punto referido ao asasinato de Teresa de Jesús, nen respondeu ás solicitudes presentadas polo BNG.
“É necesaria a comparecencia do Alcalde Alejandro Lorenzo para que ofreza as explicacións oportunas sobre a morte violenta da traballadora Teresa de Jesús. Debe informar sobre que actuacións futuras ten previsto para protexer as condicións de traballo das auxiliares prestadoras deste servizo público. Isto é inaprazable. O máximo representante do concello ten o deber de dar conta das actuacións desenvolvidas nos servizos sociais desde que se tivo coñecemento da primeira incidencia comunicada pola vítima á empresa. Tamén debe poder indicar todas as xestións realizadas con posterioridade” afirmou a concelleira do BNG, Míriam Martínez Troncoso.