O BNG do Porriño consegue que Alejandro Lorenzo convoque unha reunión urxente da Xunta Local de Seguridade.

No último ano, na parroquia de Torneiros estase a vivir unha situación de inseguridade real pola venda de drogas e todas as dificultades que trae consigo. As forzas de seguridade locais e estatais xunto co alcalde, son coñecedores deste conflito, pois son numerosas as denuncias feitas pola veciñanza.

Bloque veciñal de Torneiros
Bloque veciñal de Torneiros
O BNG do Porriño consegue que Alejandro Lorenzo convoque unha reunión urxente da Xunta Local de Seguridade.

Torneiros é o segundo núcleo poboacional do concello do Porriño, mais non conta cos servizos que lle serían propios e si con numerosos problemas de múltiple natureza. En Torneiros é onde se concentra a contaminación por lindano; esta parroquia vese cruzada por liñas de alta tensión e por innumerables vías de comunicación, e a maiores desde hai anos a veciñanza convive con puntos de venda de estupefacientes que se intensificaron moito nos últimos meses.

Existe un foco moi próximo ós centros de ensino do CEIP Ribeira e do IES Ribeira do Louro, así como tamén da escola infantil. Persoas que se atopan en consumo activo e deterioradas pola súa adicción, as cales acoden a comprar droga en moi malas condicións a calquera hora do día, conviven con menores que acoden os centros educativos nun entorno totalmente desfavorable para a socialización das crianzas e para unha convivencia segura e saudable.

Dende o verán, aumentou notablemente a afluencia de persoas consumidoras e tamén os conflitos violentos entre as persoas adictas cos veciños/as, ou os estragos materiais, como foi a queima dalgún vehículo. A veciñanza confirma que presentou numerosas denuncias ante a Garda Civil e a Policía Municipal, e tamén acudiron xunto de Alejandro Lorenzo, o alcalde, na busca dunha solución que non dá chegado.

No pleno do pasado luns o BNG aprobou unha moción na que lle solicitaba ó alcalde que convocase con carácter urxente a Xunta Local de Seguridade para abordar o problema de saúde pública e de violencia que vive O Porriño, especialmente focalizada en Torneiros. Esta Xunta, na que se atopan representados todos os corpos de seguridade, debe promover que se incrementen os operativos de vixilancia e coordinar as accións que deban realizar as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para erradicar o mercado de substancias estupefacientes.

O BNG do Porriño consegue que Alejandro Lorenzo convoque unha reunión urxente da Xunta Local de Seguridade.