O BNG denuncia o rexeitamento do goberno local a facer un correcto mantemento da Praza do 25N

A formación nacionalista lamenta que o goberno municipal empregue a súa maioría absoluta para votar en contra dunha moción que propoñía actuacións urxentes de mantemento, iluminación e vixilancia nun espazo que leva tempo xerando queixas veciñais. Advirte que este rexeitamento fará que continúe a situación de abandono
O BNG denuncia o rexeitamento do goberno local a facer un correcto mantemento da Praza do 25N

O Bloque Nacionalista Galego do Porriño vén de denunciar o rexeitamento por parte do goberno local da moción presentada no último pleno municipal, celebrado o pasado 30 de marzo, na que se solicitaban medidas para mellorar o estado da Praza do 25 de Novembro.

Abandono caseta aparcamento
Abandono caseta aparcamento

A iniciativa incluía actuacións básicas de limpeza e mantemento, a mellora da iluminación e o reforzo da vixilancia policial, co obxectivo de darlles resposta aos problemas detectados na zona. A acumulación de sucidade, a presenza de verdello no terrazo, o deterioro das instalacións e os continuos episodios de ruído e vandalismo son problemas que veñen denunciando as veciñas e veciños.

Porén, o grupo municipal do PP decidiu empregar a súa maioría para votar en contra da proposta. Deste modo, o PP de Alejandro Lorenzo impide a posta en marcha de medidas que, segundo o BNG, resultan “de sentido común e necesarias para garantir a convivencia e o coidado dun espazo de encontro familiar dentro do casco urbano”.

Desde o BNG consideran “incomprensible” a negativa do goberno local a actuar nun problema amplamente coñecido e reiteradamente denunciado. Advirten que esta decisión supón “darlles as costas ás demandas da veciñanza e perpetuar unha situación de abandono que vai a máis”.

A formación nacionalista insiste en que a Praza do 25N non pode continuar neste estado e reclámalle ao executivo municipal que reconsidere a súa postura e actúe con responsabilidade. O BNG do Porriño asegura que continuará apoiando as reivindicacións veciñais ata que se adopten as medidas necesarias para garantir o correcto mantemento, a seguridade e o uso adecuado deste espazo público.

O BNG denuncia o rexeitamento do goberno local a facer un correcto mantemento da Praza do 25N