O BNG denuncia falta de mantemento e vixilancia na Praza do 25 de Novembro
O grupo municipal do BNG presentará unha iniciativa no próximo pleno (luns 30 de marzo) instando o goberno do PP a realizar unha limpeza integral do lugar, mellorar a iluminación e incrementar a presenza policial para evitar ruídos e actos de vandalismo
A Praza do 25 de Novembro é un lugar de encontro para as familias do casco urbano, especialmente polas tardes onde as crianzas gozan do parque infantil alí instalado. Este espazo de convívio e lecer estase a ver afectado por un abandono persistente na súa limpeza e mantemento. Isto agrávase cunha escasa iluminación que está a favorecer a súa transformación nun lugar de reunión para o botellón.
Esta situación provoca tamén importantes molestias para a veciñanza, tanto polo ruído nocturno ocasionado como polos danos que se producen nas pertenzas das comunidades de veciños e veciñas. De maneira habitual prodúcense roturas de cristais nas portas dos edificios, aparecen fechaduras atascadas ou forzadas e vídeo-porteiros estragados.
O estado de mantemento da praza é claramente mellorábel. As beirarrúas e lousas están cheas de verdello e sucias. As casetas abandonadas do aparcamento subterráneo, obxecto habitual de actos vandálicos e pintadas, constitúen tamén un foco de sucidade e cheiros. As escasas zonas axardinadas atópanse tamén descoidadas. A isto hai que engadirlle que na retirada da iluminación de Nadal quedou sen recoller parte das conexións eléctricas empregadas na súa instalación.