O BNG considera innecesaria a proposta de mudanza do escudo do Porriño.
No inicio do verán, Alejandro Lorenzo iniciou un proceso para modificar os símbolos representativos do concello do Porriño. O BNG cualifica esta decisión como unha nova ocorrencia, pois nin na sociedade porriñesa existe esa necesidade nin tampouco se entende a non valía dos símbolos actuais.
O actual escudo do Porriño é produto dun consenso e representa elementos simbólicos cruciais da historia e patrimonio porriñeses. As figuras que nel aparecen líganse estreitamente con carimbos municipais do Porriño anteriores a 1840. O BNG considera que propor modificalos só responde ó carácter megalómano do actual alcalde e á súa necesidade naif de deixar pegada.
Os símbolos ou iconas municipais non son unha preocupación da cidadanía e a súa mudanza só significaría un novo malgasto de recursos. Segundo a forza nacionalista, existen urxencias que centran a preocupación cidadá ás que o goberno do PP do Porriño non dá resposta nin lle esixe á Xunta, cando é a súa competencia, para que a dea.
Estamos no inicio do curso e non houbo ningunha mención de Alejandro Lorenzo á falta de recursos que hai nos centros porriñeses, especialmente na atención á diversidade e ás necesidades educativas. Nestes días, para poder contar cunha cita no centro de saúde, a lista de espera supera amplamente as dúas semanas. Os Servizos Sociais contan con unha persoa funcionaria menos por xubilación que aínda non se cubriu, deixando sen atender as numerosas necesidades que ten a poboación do Porriño atendendo a súa dimensión.
O malgasto tamén é un punto recorrente neste goberno. Obras mal proxectadas que teñen que ser continuamente revisadas ou reformuladas, teñen un claro exemplo no Campo da Feira. Pero tamén nos encontramos con que nas beirarrúas do recentemente renovado centro médico non se atendeu a dimensión xusta para o acceso de persoas con mobilidade reducida dende un automóbil. Dende a forza nacionalista lamentan que estas problemáticas sexan esquecidas e que, no seu lugar, este goberno se centre en banalidades como o escudo, ou colocar unhas letras de pedra co nome do noso concello para fotografarse.