O BNG congratúlase pola galeguización do nome do equipo de Balonmán do Porriño.

photo_2025-07-26_01-56-30
Foto dos Concelleiros do BNG apoiando ao clube na final europea do ano 2025.

Dende o BNG do Porriño, festexan que o equipo de Balonmán do Porriño galeguizase o seu nome. Só botan en falta que non aproveitasen para facer uso da toponimia oficial, pois o topónimo do noso concello inclúe o artigo, O Porriño.

O BNG congratúlase pola galeguización do nome do equipo de Balonmán do Porriño.

Recentemente, o equipo de balonmán do Porriño acaba de galeguizar o seu nome oficial. O BNG local congratúlase con esa decisión. Ao mesmo tempo, consideran que é unha oportunidade desaproveitada que non usasen o topónimo oficial único do noso concello: O Porriño.

Tamén lamentan a eliminación da ponte do Valo do escudo. Esta construción ten un valor cultural e de memoria histórica o suficientemente importante como para non borrala de ningún dos símbolos da nosa localidade. Esta escolla por parte do club sitúase en liña coa que fixo o Concello nunha das súas propostas de nova bandeira. Neste caso, a situación é máis grave pois aí estamos ante símbolos de representación oficiais. Ademais, tampouco entenden o uso da coroa real. No nome oficial do equipo non aparece o título de real, pois non lle foi concedido. O uso dese distintivo monárquico non aparece xustificado por ningunha razón obxectiva.

Fóra do dito, o uso do noso idioma tamén na nomenclatura de calquera grupo deportivo é unha moi boa noticia. Especialmente, cando son organismos ou institucións que atinxen as camadas máis novas da nosa sociedade, entre as que o uso da lingua propia se está reducindo a un ritmo dramático. Ademais, estamos a percibir un maior uso do galego tamén na cartelería informal dos partidos, polo que se está a potenciar unha actitude cara á lingua claramente diferente á que era habitual. A forza nacionalista, na semana do Día da Nación Galega, aplaude este cambio de actitude e anima a outros colectivos deportivos e doutra natureza locais a seguir esta liña de acollemento do noso idioma.

O BNG congratúlase pola galeguización do nome do equipo de Balonmán do Porriño.