Alejandro Lorenzo volve recorrer a partidas extraordinarias para xestionar o Concello do Porriño
O BNG do Porriño denuncia a xestión económica de Alejandro Lorenzo, caracterizada polo aumento do gasto e da débeda sen melloras na calidade de vida. A formación alerta dun modelo baseado en sobrecustos, contratos a dedo e falta de rigor, que pon en risco a estabilidade do Concello.
No tempo que leva como alcalde, Alejandro Lorenzo gastou máis de 12 millóns de euros e recorreu a préstamos bancarios por varios millóns adicionais. Esta política de gasto caracterízase pola falta de control, con constantes modificacións e sobrecustos en obras como Pío XII, o novo auditorio ou o Campo da Feira, que xa acumula cinco contratos distintos. Ademais, fixo uso do remanente de tesourería herdado e incrementou de forma notable a débeda municipal, tal e como advertiu o Consello de Contas da Xunta de Galicia.
Porén, este incremento do gasto non se traduciu nunha mellora da calidade de vida da veciñanza. A inversión social permanece estancada e o Concello continúa cun modelo de servizos sociais practicamente idéntico ao de hai máis de 15 anos, sen adaptación ás novas realidades do Porriño.
Estas cuestións foron denunciadas no último Pleno polo concelleiro do BNG, Pedro Pereira, quen cuestionou a xestión económica do goberno local e advertiu das consecuencias dun modelo baseado no gasto sen control e na falta de planificación.
A xestión do actual goberno tamén supón o regreso dunha política de favores. Nun só ano, os contratos menores adxudicados directamente superaron os 3 millóns de euros, segundo datos do perfil do contratante. Ademais, estanse a fraccionar contratos para facilitar a súa adxudicación ás mesmas empresas. A isto súmase que o alcalde levantou reparos por máis de medio millón de euros, autorizando pagos con informes técnicos desfavorables.
Cómpre lembrar que Lorenzo optou por endebedar ao Concello para pagar facturas que el mesmo contribuíu a bloquear cando estaba na oposición. En lugar de empregar o remanente de tesourería dispoñible e evitar o pagamento de xuros, decidiu solicitar créditos bancarios. Deste xeito, pretende agora presentarse como quen resolveu un problema do que foi, en boa medida, responsable.
O BNG sempre defendeu a revisión das facturas nas que non estivese acreditada a prestación do servizo, mais a maioría das que Lorenzo rexeitaba na oposición contaban con informes técnicos favorables e acabaron sendo pagadas posteriormente, con intereses, xa baixo o seu goberno.
O alcalde tamén falta á verdade ao afirmar que o Concello estaba en bancarrota ao inicio do seu mandato. Este discurso resulta incompatible co feito de presumir dun nivel de investimento histórico sen subir impostos. A día de hoxe, non presentou nin sequera un borrador dos orzamentos de 2026. No que vai de mandato, só aprobou unhas contas, as de 2024, e anunciou unhas para 2025 que nunca chegaron a presentarse, a pesar de contar con maioría absoluta.
Esta falta de planificación económica ten consecuencias. O último informe de intervención advirte de que o uso reiterado do remanente para gasto ordinario pode provocar un déficit que obrigue a aprobar un Plan Económico Financeiro no vindeiro exercicio.
De feito, o exercicio 2025 pechouse con déficit entre ingresos e gastos. Só a existencia de remanente —en gran medida por obras anunciadas e non executadas— e as achegas doutras administracións permitiron presentar un saldo positivo.
Finalmente, o BNG denuncia a deslealdade institucional do PP, que mantivo ao Porriño economicamente asfixiado desde a Xunta de Galicia mentres Alejandro Lorenzo non acadou a alcaldía.