O alcalde mantén novamente o silencio sobre o caso de Teresa
Alejandro Lorenzo continúa negándose a abordar calquera revisión dos feitos que rodearon a morte da traballadora do SAF, Teresa de Jesús, acontecida este verán. No pleno do mes de setembro abandonou a sala cando se ía tratar a cuestión, e posteriormente en xaneiro, o BNG volveu esixirlle responsabilidades tras facerse público o informe da Inspección de Traballo. Este informe desmonta a versión do alcalde, que asegurara descoñecer o sucedido, e evidencia que non actuou coa transparencia que a gravidade dos feitos require. A pesar diso, no último pleno mantivo novamente o silencio ante a análise do sucedido.
Unha semana despois do asasinato de Teresa, o BNG solicitou a creación dunha comisión de investigación para coñecer os feitos que rodearon a morte da traballadora do SAF. O goberno que dirixe Alejandro Lorenzo non lle deu contestación ningunha á petición do BNG.
No pleno de setembro, o primeiro que se celebraba logo do asasinato, o Alcalde abandonou a sala na que se pedían cambios nas condicións laborais e de seguridade das traballadoras, deixando desamparadas as auxiliares do SAF. Estas puideron ver, indignadas e no auditorio, como o rexedor marchaba do pleno antes de tratar o punto. A xustificación da súa ausencia era asistir a un acto dunha empresa privada.
O recente informe elaborado pola Inspección de Traballo, tras a denuncia da central sindical CIG, constata que o alcalde mentía cando dicía ser descoñecedor do que acontecía no domicilio. Queda demostrado que o concello actuara en queixas previas que si están rexistradas. Ante a gravidade destes feitos, o BNG presentou unha moción no último pleno na que instaba o alcalde Alejandro Lorenzo Alonso a que informara da intervención levada a cabo polo concello respecto da morte da traballadora do SAF, Teresa de Jesús, á vista do informe elaborado pola Inspección de Traballo. O PP votou en contra de que este asunto fose tratado.
É moi grave que se fallara na avaliación dos riscos que sofre unha auxiliar nun domicilio, pero máis grave é que, a día de hoxe, siga sen redactarse un protocolo que evite a desprotección das traballadoras do SAF. O alcalde do Porriño é o máximo responsable do SAF e non se pode manter no silencio. Este asunto debe ser unha prioridade inaprazable na súa xestión.
A moción formulaba tamén melloras nas condicións laborais das traballadoras. Reclámalles á Xunta e ó goberno central un incremento progresivo do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que para a forza nacionalista é a orixe de que este servizo público se preste desde a precarización e a falta de seguridade para o seu persoal.