Moción sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de máis recursos no ámbito local e xudicial para loitar contra a violencia machista

25N
Moción sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de máis recursos no ámbito local e xudicial para loitar contra a violencia machista

O 2018 ten sido un ano importante para o feminismo, que foi quen de mobilizar cun éxito histórico unha folga nos ámbitos laborais, de consumo e de coidados o pasado 8 de marzo. Sen dúbida algunha, unha data chamada a marcar un antes e un despois na nosa historia, xa que a sociedade esixiu que todos e todas pisemos o acelerador.

A vixencia da desigualdade, que ten a súa evidencia máis salvaxe nas violencias machistas contra as mulleres, debe comprometer ás institucións a destinar maiores recursos económicos, humanos e materiais para tal fin e situar o seu combate como un mandato de primeira orde os 365 días do ano. No que vai de 2018 foron asasinadas no noso país tres mulleres, entre elas Magdalena, veciña do Porriño, o pasado mes de xuño. Máis de 40 en todo o Estado Español. Trátase dunha situación insostíbel para calquera sociedade que se considere democrática, pois estamos a falar do máis elemental dos dereitos humanos, o dereito á vida, furtado pola violencia máis extrema do patriarcado.

Cada 25 de novembro debemos saír ás rúas para denunciar a vixencia da violencia e facer un recoñecemento do traballo de mobilización e visibilización das organizacións feministas, pois sen ese traballo moitas demandas non chegarían a unha parte importante das institucións e da sociedade.

Debemos examinar tamén aqueles ámbitos máis débiles que requiren da nosa actuación inmediata. Durante este 2018 evidenciáronse as moitas carencias que ten aínda unha xustiza tremendamente patriarcal. Casos como o da Manada desataron a nosa rabia e a contestación social, non só con importantes manifestacións no noso país, tamén coa repulsa de concellos e institucións de diversas cores políticas. Porén, a rabia non pode ficar nunha cuestión declarativa. Debemos pensar colectivamente nas melloras que precisa un ámbito tan elemental como o da xustiza.

Aínda sendo fundamental o papel que tiveron  a Lei estatal de violencia do 2004 e a galega do 2007, quedan moitas lagoas no seu cumprimento e desenvolvemento. É clave un desenvolvemento pleno e máis xusto do marco legal. Nese sentido, a creación dunha Unidade específica de Violencia Machista no ámbito da Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir as leis contra a violencia de xénero facilitaría unha maior fiscalización, seguimento e mellora. Vistos os casos que nos teñen escandalizado neste 2018, é obvio que cuestións tan elementais como a formación dos operadores xurídicos ou a habilitación de espazos seguros e íntimos para as vítimas son aínda incumpridos de xeito intolerábel.

Cada ano máis 5000 mulleres acoden aos xulgados galegos a poñer denuncias, e isto é só a punta do iceberg. Estímase que só un 20% dos casos chega aos xulgados, polo que sería unha irresponsabilidade deitar exclusivamente neste ámbito as actuacións. Por iso, un dos aspectos máis importantes é avanzar na sensibilización social. Neste aspecto os concellos temos un papel clave á hora de comunicar coa veciñanza.

Recentemente o goberno central publicaba no BOE do 3 de agosto o Real Decreto-lei 9/2018 de medidas urxentes para o desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Neste incluía a recuperación dos concellos de competencias na materia, pasando a engadirse no seu haber as “Actuacións na promoción da igualdade entre homes e mulleres así como contra a violencia de xénero.”. Desde o BNG preocúpanos que esta tan anunciada e publicitada competencia non veña acompañada dun financiamento suficiente nin duns criterios de reparto adaptados á realidade do noso país.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG, solicita do Pleno da corporación municipal a adopción do seguinte:

ACORDO

  1. Expresar o recoñecemento da Corporación ás históricas mobilizacións desenvolvidas polo feminismo galego ao longo de 2018 así como o apoio ás mobilizacións que impulsen as organizacións feministas galegas.
  2. Expresar a nosa vontade de sumar desde a administración local a prol da erradicación da violencia machista, para o que se solicita da Xunta de Galiza que demande do goberno central o incremento substancial das contías destinadas á administración local nos Orzamentos do Estado de 2019, así como a reformulación dos criterios de reparto para que se teñan en conta as especificidades do noso país
  3. Demandar da Xunta de Galiza a creación dunha Unidade de Violencia Machista específica integrada na Dirección Xeral de Xustiza encargada de facer cumprir a lexislación en materia de violencia machista. Dita unidade contará, como mínimo, cos seguintes obxectivos a desenvolver:
    • Impulsar xulgados específicos de violencia de xénero en todas as cidades e avanzar nunha comarcalización dos xulgados acorde coa realidade do noso país e que garanta a igualdade do dereito de atención independentemente do lugar de residencia. Promover o tratamento dos delitos sexuais neste tipo de xulgados especializados.
    • Promover medidas destinadas ao tratamento integral da violencia sexual como unha forma de violencia machista, conforme recolle a lei galega, prestando atención ás súas especificidades.
    • Garantir a formación en violencia de xénero de todo o persoal que intervén no proceso xudicial,  incluídos equipos forenses e psicosociais.
    • Evitar a violencia institucional, por exemplo, gravando as declaracións das mulleres para que non teñan que repetila, unha e outra vez, ao longo de todo o proceso de denuncia.
    • Garantir os espazos separados de declaración e agarda para evitar o contacto de vítimas e agresores así como dotar dos medios necesarios as oficinas de atención á vítima.
    • Incluír nas avaliacións de risco  avaliación do agresor para mellorar a eficacia á hora de adoptar as medidas de protección tanto das mulleres como das e dos menores.
    • Dotar os servizos de garda dos xulgados de persoal especializado para atender as denuncias de violencia machista.
Moción sobre a reivindicación do 25 de novembro e a necesidade de máis recursos no ámbito local e xudicial para loitar contra a violencia machista